Varas de medir

|

Onte mesmo lía que o bispado de Mallorca dera a coñecer a súa decisión de rebaixar a petición de pena que inicialmente solicitara para as seis persoas que en febreiro de 2014 irromperon nunha igrexa de Palma mentres se celebraba unha cerimonia de carácter relixioso. 
A petición que solicitaba a acusación particular do bispado era de catro anos de cadea e agora decide pedir ano e medio, sumándose así á petición do fiscal. Acúsase aos dous homes e ás catro mulleres, que nun templo católico expresaron a berros a súa repulsa ás modificacións restritivas que se pretendían para a lei do aborto, de delitos contra a liberdade de conciencia e os sentimentos relixiosos. Que se saiba non agrediron ninguén nin produciron destrozos de ningún tipo. 
Non foron máis aló de berrar unhas consignas a favor de que as mulleres poidan decidir libremente que facer co seu corpo, iso si, impedindo o normal desenvolvemento dunha misa, celebración que declaran descoñecer que se estivese realizando. 
Para min eses sucesos non van máis aló dunha gamberrada, de gusto máis que dubidoso, naturalmente. Comportamento que, obviamente, ten que recibir o seu castigo correspondente, como tamén terían que recibilo as persoas que vulneran calquera outra lei. 
Por exemplo as que fuman alegremente nos locais públicos sen lles importar o máis mínimo as molestias que ocasionan aos demais, entre os que me inclúo. Non afectan á liberdade de conciencia, mais si a outras liberdades non menos importantes. 
En definitiva, ao meu entender, pedir penas de privación de liberdade para un caso como o de Palma seméllame descabelado. Estou convencido de que a nosa sociedade ten que estar moi mal organizada se a xustiza se move por eses camiños.
Curiosamente, nestes días ditouse sentenza do soado caso do Madrid Arena, o truculento episodio no que angustiosamente morreron cinco rapazas que estaban a celebrar o Halloween de 2012. 
A culpa foi, como non, do “maldito parné”, do que fala a popularísima copla “María de la O”, con letra do coñecido letrista e poeta menor da xeración do 27 Rafael de León. 
Xa todo o mundo sabe que o principal inculpado, o promotor da festa, foi declarado culpable de cinco delitos de homicidio por imprudencia grave e outros vinte e nove de lesións por imprudencia grave e condenado a catro anos de prisión. Repárese en que é a mesma pena que solicitaba a acusación particular do bispado para os participantes nos sucesos de Palma de Mallorca.
Como non acredito moito no adaxio que di “Piensa mal y acertarás”, non vou pensar que esta rebaixa de petición de pena do bispado puidese ter algo que ver con esta sentenza. 
É posible que haxa quen o pense. E, se cadra, acerta. Eu reitero que non o penso así. Sexa como for, pedir para unha irrupción con certa violencia verbal nun recinto calquer –neste caso privado mantido con fondos públicos– a mesma condena que se acaba de aplicar a unha operación lucrativa con consecuencias mortais non deixa de ter a súa graza. 
 

Varas de medir