AS ARMAS QUÍMICAS

|

Non todos os mortos son iguais, a súa consideración depende da forma en que se produce o falecemento. Non é mesmo fritir a unha persoa nunha cadeira con miles de amperes que pórlle unha inxección de substancias letais. Tampouco son parecidas os masacres entre negros nas selvas subsaharianas que as batidas entre indios da India e paquistanís porque son con bombas e armas de fogo, como sucedeu nos Balcáns, na Europa do euro. Así que o mundo civilizado so se asombra se hai vítimas de armas químicas, outra hipocrisía de Occidente.
O presidente dos EUA vai embarcar á NATO nunha guerra de fin de semana contra o réxime sirio polo emprego das armas químicas na guerra civil do país. Outra desculpa para os conflitos nos que se meteu a humanidade desde maio de 1945 onde Washington actuou de líder da man dos seus aliados británicos e dos comparsas franceses, cidadáns que tiveron ás portas da súa casa matanzas en Bosnia, Croacia ou Kosovo e simplemente facían negocio vendendo armas até que deixaron de pagar e comezou o bombardeo de Belgrado.
Este premio Nobel da Paz parece un elemento de coidado. Tanto é capaz de espiar ao mundo enteiro con beneplácito de dereitas e esquerdas e centrocampistas, como de lanzarse a guerra para estimular o crecemento económico, aínda que hoxe en día as intervencións militares dos países intitulados civilizados son desde a casa, sen matanzas como na Gran Guerra, agora os mortos non se ven. Con catro avións e dous mísiles de longo alcance xa se pon en creba a Damasco.
Tunisia, Libia, Exipto e no medio Alxeria, que está en guerra desde a saída dos franceses, o Líbano, un país que no existe, por non citar a Palestina, e o caso extraordinario de Iraq son países que cambiaron de réxime e que tardarán anos en encontrar o seu camiño bendecido por Occidente, porque unha vez que hai eleccións gañan os islamistas, iso non gusta, así que hai un golpe, nova Constitución en volta a empezar. En Siria pasará o mesmo.
Calquera que viaxase pola zona daríase conta de que a fotografía do presidente do país estaba en calquera tenda, comercio ou lugar onde entrase máis dunha persoa. O motivo é sinxelo: que a poboación recoñecese ao mandamáis, que vise que cara tiña para saber quen era o xefe. Se chegaba un nómade a comprar azafrán preguntaba ao tendeiro se aquel do retrato era o seu pai e o comerciante informábao de que era o líder do Estado, ao que o transeúnte afirmaba coa cabeza de que si, que xa o vira con outra cara e que nuns lados lle chamaban Ben Alí e noutros Mubarak ou Gadafi.

AS ARMAS QUÍMICAS