Mestre Ricardo Carvalho Calero

Onte non tiven que perder tempo ningún pensando que título lle podía acaer ben ao contido destas liñas. Decidín tomalo prestado, sen nin sequera pedir permiso para facelo, do que utilizou Olga / Revista de Poesía Galega en Madrid para dar nome ao seu número 5, un monográfico dedicado á figura do profesor Carvalho Calero, unha das máis relevantes das que viron a primeira luz nesta nosa cidade de Ferrol. E digo isto plenamente convencido de que así é, malia que haxa quen, con razóns de moi pouco peso, non o considere así e mesmo lle queira negar o pan, o sal e o que fixer falta para o condenar ao ostracismo. E iso, como é obvio, é algo que non vai acontecer mentres un bo número de persoas de ben diferentes idades e condicións o consideremos e respectemos como o que foi, un auténtico mestre. Na mañá de onte, sábado 19, cando comeza xa o devalo das homenaxes oficiais do Día das Letras Galegas 2018, dedicado este ano a dar a coñecer e a divulgar a figura da escritora María Victoria Moreno Márquez, presentouse no salón de actos do Ateneo Ferrolán o antedito número da revista Olga, dedicado ao egrexio profesor e escritor ferrolán. Introducidos por Álvaro Montes, 1º tenente de alcalde e concelleiro de normalización lingüística, fixeron a presentación da publicación Vicente Araguas,  o seu director, e eu mesmo, un dos colaboradores, que tiven o grato pracer de saudala co alborozo que merece. Mais este, para os ferroláns, máxime para os que o tratamos ou, sen máis, tivemos oportunidade de gozar do seu amplo e docto saber  e/ou da  súa oratoria, ten un aquel de entrañable valor engadido. Despois de lermos “A grande ilusión”, que é como titula a súa intelixente, atinada e precisa introdución Vicente Araguas, achegámonos a páxinas soberbias que, desde diferentes perspectivas, colocan a don Ricardo Carvalho no lugar que en xustiza lle corresponde. Son obra de plumas tan exquisitas como as de Pilar García Negro, Ricardo Pichel, Aurora Marco, Henrique da Costa e Pilar Pallarés que só poden lerse con fruición. Esa mesma compracencia que nos producen os versos dese excelso poeta que foi Carvalho Calero tan sabiamente escolmados para a ocasión. E xa postos a tomar de prestado pecho estas notas coas palabras do sempre grande Bertold Brecht que Vicente Araguas utiliza no final da súa xa citada presentación: “Malos tempos aqueles nos que cómpre loitar polo evidente”. Agardemos que muden tempos e vontades.

Mestre Ricardo Carvalho Calero

Te puede interesar