O día que saibamos o que vale unha vaca

Conta Manolo Rivas en Galiza, o bonsai atlántico, que unha das primeiras transmisións vía satélite  -un partido de futebol- contratadas pola TVG, criada en 1985, frustrouse porque os operadores suizos dirixiron o sinal cara a Galitzia polaca. Hai algo inexplicavel, como un sino fatal, nese descoñecemento da nosa terra dentro e fóra. De feito, eu estou certa de que nos fornos de informativos de Madrid coñécese bastante máis a Galitzia polaca cá nosa. Mais non creio que sexa un mal fado senón a política centralista española ao servizo da globalización, quer dizer, dos lobbies ou grandes corporacións que dominan un mercado que nos din livre, pero que non o é. 
Mentres isto escrevo, os gandeiros (que levan días durmindo nas rúas e cinxindo a muralla dunha cidade bimilenaria, o parlamento galego e a residencia dun presidente da Xunta que andaba desaparecido) están reunidos co presidente Feijóo para ver de darlle unha solución ao pecho cotiá das explotacións gandeiras por non poder competir nos mercados. Mais que podemos esperar dun presidente que usa zapatiños casteláns para apagar os lumes provocados polas mafias do monocultivo de eucalipto e das urbanizacións selvaxes? Que podemos esperar da política europea doneada por Franza no que ten ao leite? Que podemos agardar dun sistema global capitalista que mecanizou o campo, concentrou as parcelas no país máis disperso de Europa, obrigou a facer dos gandeiros empresarios forzosos endebedados á gran banca con grandes inversións sen rendabilizar e con axudas cicateadas polo poder para darllelas á banca? Un sistema que mudou o modo de vida do agro (que era minifundista, si, pero autárquico, con toda a avantaxe que dá non depender de ninguén), nunha economía allea aos nosos intereses nacionais, que perdeu a tracción animal da rexa vaca marela e fixo aos gandeiros dependentes do petróleo, da maquinaria e do mercado oligárquico dos pensos co que agora se alimenta por forza ás vacas? Onde están aqueles prados livres das leis dos mercados internacionais que xogan co prezo dos pensos e deciden dictatorialmente a qué se vai adicar cada anaco do noso territorio? 
Si, o problema do leite e dos gandeiros non é distinto do problema da pesca, do monte ou da industria naval. Porque todo se reduce a un só problema: ter ou non ter soberanía nacional. Há quen pensa que ter nazón de seu ten que ver só coa lingua, cos indentidade persoal ou coa cor da bandeira a pendurar do balcón. Mais se unha nazón é soberana, é dona do seu territorio e de dispor livremente da riqueza que ele contén. A soberanía nacional significa tamén soberanía alimentar. Ser donos do que produzimos e da enerxía que empregamos. Non ter como temos agora, a decisión do noso futuro nas mans de Madrid e de Europa. Eles dinos qué e en qué condicións temos que o fazer todo. Véndennos ás multinacionais do gran, do leite, da minería... obrígannos a produzir leite e carne vacún con parámetros de eficacia capitalista e perxuízo ecolóxico. Nin xiquera podemos estar tranquilos co leite e a carne que consumimos. Xa non é que paguen prezos inxustos aos productores senón que a calidade do produzido non está xa das nosas mans. Temos, de rebote, un problema de saúde humana e ambiental. E máis cando está a piques de nos caer de riba o martelo esmagador do Tratado de Livre Comercio!.
Que tempos aqueles en que a señora Marcelina viña a nos traer o leite á porta da casa na propria cidade de Ferrol. Daquela andava o runrún de que as leiteiras adulteraban o leite incluso con mexos, para gañarlles máis. Hoxe adultérana dentro da lei con todos os certificados sanitarios pagados e en regra. Porque o gandeiro está vendido, obrigado a darlle ás vacas inmigrantes suizas uns pensos que nin queren pensar de onde é que veñen. Lembremos a encefalopatía esponxiforme ou mal das vacas tolas. Lembremos a Fraga fachendeando de sermos a Baviera de España até que aquel meniño, camiñando o monte, atopara aquel vertedoiro a ceo aberto de vacas tolas mortas e agochadas de indiscretas miradas!
Xa o xornalista e escritor coruñés Fernández Flórez, tras unha visita a Holanda, deixáranos a solución deste problema agrario nese divertido livro titulado A vaca adúltera. Alí compara aos gandeiros holandeses cos galegos. Eles tiñan daquela xa o gando industrial mentres nós aínda andavamos coa vaquiña pola corda. (Meu pai soñava en fazer un livriño que levara xustamente ese título que o resume todo: A vaquiña pola corda. Ou Do bairro á moqueta.) Coido que un canto á poética productiva do minifundio ecolóxico galego antes de que o desenrolismo franquista e logo fraguista entrara, como dizía Pedrayo, no rural coa maquinaria pesada!
Hoxe os antigos comedores de patacas e castañas que eramos andamos enleados neste ecocidio planetario governado por catro empresas transnacionais que dominan o falso livre mercado alimentario do planeta. Eles fan e desfán en calquera parte dos territorios, ondean como lles beila o vento das súas eólicas, as nosas bandeiras. Fanse cada día máis e máis poderosos a costa das nosas vidas e da vida dos nosos ecosistemas. 
Quen queira saber as causas e as solucións do problema gandeiro na Galiza que lea a Xabier Vázquez Pumariño, por exemplo: Pero qué granxas están a piques de pechar?, na asociación Véspera de Nada. E no canto de enzoufar os miolos con parvadas e despistes nos informativos deformantes de rigor, verá aí o único camiño a tomar nesta encrucillada da historia. A ecoloxía, o decrecemento, o consumo local e responsavel, o cooperativismo...unha nova conciencia para un novo xeito de viver, máis parecido ao dos nosos avós cá dos nosos netos.
Xa o dizía Castelao. Galiza terá futuro o día que saibamos o que vale unha vaca!

O día que saibamos o que vale unha vaca

Te puede interesar