Forza Racing

s oito desta tarde sentareime diante do televisor para ver como o Racing non perde no Estadio Municipal de la Victoria de Jaén e consegue ese ascenso a segunda B que desexamos toda a afección. Que menos que poder celebrar o centenario do clube nunha categoría menos modesta e máis acorde coa historia do club que a terceira división. Mellor, obviamente, sería que puidese xogar en segunda, mais para iso o paso previo vai ser o que confío se dea esta tarde-noite. Andaba estes días pasados tentando argallar como ía facer para poder simultanear o partido do Racing co do Deportivo en Elche, decisivo tamén para que o equipo coruñés se poida clasificar para xogar os playoff. Mais, coa suspensión dos partidos de segunda a causa da inesperada morte de José Antonio Reyes, vou poder centrar toda a miña atención no xogo do equipo ferrolán. O meu equipo de toda a vida, o que desde ben cativo ía ver ao desaparecido Manuel Rivera do Inferniño, así chovese, ventase ou queimase o sol. Desexo tamén o ascenso do Racing polo meu benquerido amigo, de hai case sesenta anos, Pepe Criado, que ben merece esa alegría, e moitas máis, por tantos anos de dedicación ao club. Pola vitoria do Deportivo terei que agardar ao martes. Desde principio da temporada, mesmo nos momentos máis complicados para os dous equipos, teño metido na cabeza que ambos van ascender. Dimo o corpo. Son un ferrocoruño, termo co que gusta definirse –e que lle collo prestado– o magnífico fotógrafo Vari Caramés, coma min nado en Ferrol mais residente de moitos anos na Coruña. Mais nisto do fútbol a conciliación nin sempe é doada. Nunca esquecerei o mal que o pasara cando o enfrontamento na Copa do Rei da temporada 2002-2003. O Racing estaba en segunda -aínda que acabaría descendendo- e o Deportivo era o vixente campión desa competición, despois de lle ter gañado -poucos meses antes desa eliminatoria- aquela gloriosa final ao Real Madrid, no seu feudo do Santiago Bernabeu e no ano do seu centenario. Como gozaramos Vicente Araguas e mais eu, que alí nas gradas o viramos xuntos. Todo o contrario que naquela tardiña de novembro de 2002, cando Racing e Dépor se viron as caras na Malata, a partido único, nos dezaseis avos da Copa. O ambiente estaba caldeado, tanto pola rivalidade habitual como polos incidentes entre afeccións que se produciran na celebración do Trofeo Concepción Arenal.

Forza Racing

Te puede interesar