Rajoy xa é de novo Presidente. E o seu novo Goberno, chegou entre as primeiras choivas intensas deste Outono fantástico ( obvien o parecido co slogan comercial, nada máis lonxe da miña intención) e non sabemos ben se como bendición, ou coma mal presaxio. Foi a sinal de inicio dun partido que, entendemos e supoñemos, non durará o tempo regulamentario.
Nunca foi recomendábel ter en fronte maior número de pezas, que as que están protexendo o teu lado do taboleiro. O primeiro que pode chamar a atención, é o feito de encherse a boca a falar de que haberá Diálogo, Acordos e Pactos, e nas primeiras de cambio, cando esta aposta debe facerse visíbel e evidente para toda a cidadanía, tomar as decisións equivocadas nomeando un Goberno, que ven sendo máis do mesmo.
Nin tan sequera houbo unha chiscadela mínima que permita aventurar compromiso sólido de cambio de postura. Así non vai ser doado abrir todos os debates que aínda están pendentes, (tanto tempo despois) en temas claves e de fondo calado como o da reforma educativa, o futuro das pensións, a articulación do Estado, os recortes que esixe Europa, ou o modelo sanitario.
Rajoy rodeouse dos seus. Impuxo unha especie de cordón sanitario, de garda pretoriana, de persoas da súa absoluta confianza, pensando en estar máis pendentes da xestión e o control do partido popular, que da resolución dos grandes temas que afectan a toda a cidadanía.
E así, coincidirán comigo en que vai ser complicado ir pactando tema a tema, e decisión a decisión. Non será un novo tempo 3.0, senón unha mesma versión, coñecida e sufrida, do Rajoy Presidente, reafirmada e aumentada.