A traxedia laboral

Un deses chíos intelixentes que podemos ver nas redes sociais vén dicirnos que medran as noticias que propagan a información sobre a diminución do paro na mesma medida que aumenta a xente que non cre na veracidade dos datos. Brincadeira, si; porén nada desacertada na definición obxectiva da situación do mercado laboral para alén dos números estatísticos organizados ao gusto e interese do poder económico e político, moi pouco coherentes coa realidade social das condicións dos traballos de novo tipo, fillas da última reforma laboral.
Por iso é preciso facer uso da cualificación de traxedia, na súa consideración léxica de “obra dramática que representa unha acción seria e grave onde o protagonista é levado cara á catástrofe” ao reparar nos datos dun informe que vén de presentar a Organización Mundial do Traballo, centrado na situación do emprego xuvenil, polo que amosa dunha xeración especialmente ben formada que vai malograr o seu futuro pola falta de oportunidade de traballos que permitan a súa completa realización profesional, social e mesmo humana.
No devandito estudo, Perspectivas Sociais e do Emprego; a O.I.T. revela que, no caso español, catro de cada cinco mozos ou mozas que traballan por conta allea, teñen un contrato temporal; porcentaxe idéntico ao de Romanía ou Eslovaquia e moi superior ao que se rexistra en Grecia ou Portugal. Por iso, a temporalidade e os salarios baixos é o cadro típico do emprego precario que soporta a mocidade; e teñen contratos lixo porque non atopan nada mellor. Iso, no que atinxe aos empregados, lembremos que máis da metade deste colectivo está no paro, á procura de emprego.
Así, para este organismo internacional do mundo do traballo, é de subliñar que “preocupan aínda moito máis a proporción e o número de xoves que viven na pobreza extrema ou moderada a pesar de ter un traballo”, consecuencia dos contratos con ínfimos salarios. España vai á cabeza do pelotón europeo, dobrando á media dos países do continente, cunha porcentaxe próxima ao 25%.
Non é a única situación tráxica, non. O dicionario tamén considera ao “suceso funesto ou desgraciado”. Velaí os números da análise feita por un sindicato estatal sobre os accidentes laborais con datos que indican unha situación agravada polo desleixo da autoridade á hora de vixiar o cumprimento das medidas da prevención de riscos. Galiza, con doce mil sinistros semestrais, duplicando á media estatal nos casos mortais e graves, engade máis traxedia laboral.

A traxedia laboral

Te puede interesar