O papelón de Cameron

|

Que Gran Bretaña sempre estivo de medio pensionista na UE, era evidente. Que sempre estivo sen estar, e tiña unha implicación que nunca pasou de relativa, tamén era de sobra coñecido. Tamén, que polo principio de ser vos quen sois, a Unión permitiulle unha maneira de estar peculiar, á carta, moi lonxe do menú xeral que tiñan que tragar o resto de paises obrigatoriamente.
A Gran Bretaña pretendía un mercado, unha zona de intercambios comerciais, non un espazo que consolidase, mediante cesións de poder dos Estados, políticas e institucións comúns. E dende aquelas políticas da Thatcher ata agora, as liñas esenciais no variaran demasiado. Incluso dixera aquilo de “que nunca baixaría ao Reino Unido do tren da UE”. Pero Cameron xogou con lume. Para consolidarse nun liderado perdido, prometeu aquilo que non debería ter prometido.
E volvemos ao clásico “aqui pasou o que pasou”, e quen asume a responsabilidade deste fracaso? Cameron anuncia a sua demisión. Pero o certo é que meteu un torpedo na liña de flotación da UE. Sen necesidade nin urxencia. Hoxe o Reino Unido esperta dividido e a Unión Europea, move ficha para acelerar o proceso de saída e, dalgunha maneira, iniciar o proceso de refundación. Agora Hollande e Merkel loitan polo liderado do proceso. Non debera ser que os xenófobos e aillacionistas británicos, impoñan ao conxunto da cidadanía, os seus odios e os seus medos.
Cameron, tristemente, fixo un papelón. Quedará na historia coma alguén que sacou ao Reino Unido do conxunto de Europa. Xestionou de mala forma as cartas que lle tocaron, e foi de farol cando os demais levaban boas mans. Poñamos o contador a cero.

O papelón de Cameron