ALEJANDRO OTERO

Un país ten a obriga de recoñecer e honrar ós seus fillos máis destacados nas labores encamiñadas a mellorar as condicións de vida da xente. Houbo galegos ilustres que traballaron en Galicia e outros tamén egrexios que o fixeron fora. Entre estes atópase Alejandro Otero, médico, nado en Redondela, que se foi a exercer  a Granada onde chegou a ser catedrático e reitor daquela universidade en tempos certamente convulsos previos ó golpe de estado de 1936. Foi un destacado xinecólogo que axiña acadou popularidade pola súa bonhomía e polo trato dispensado á xente menos favorecida.  Médico da Casa do Pobo de Granada en 1919 e más tarde catedrático na Facultade de Medicina,  non intervén en política ata 1927, segundo el manifestou. Permanece recluído na súa cátedra ata que se enrola na bandeira socialista cando decátase da represión exercida sobre os oprimidos e do marasmo que imperaba en España en comparanza co dinamismo progresivo da Europa que coñecía. A partires de aí o seu compromiso co socialismo humanista estará sempre presente enfrontado á tiranía e o despotismo. En Granada, Alejandro Otero foi considerado como un ídolo do pobo. O 21 de xuño do 31 é proclamado candidato ás Cortes Constituíntes e o 24, é dicir, dous días despois., da o seu primeiro mitin na Cañiza pois presentábase pola xurisdición de Pontevedra sen que, ata o de agora, se chegara a saber os motivos de por que Pontevedra, na que non ía estar, e non Granada ( o mesmo tivo que ver na súa decisión o seu orixe galego). Antes xa fora edil no Concello de Granada polo distrito do Albaicín e promotor dun hospital senlleiro na cidade. Nesas eleccións sae nomeado deputado.
A miña amiga Enriqueta Barranco, profesora de Xinecoloxía e Obstetricia na Facultade de Medicina de Granada, biógrafa e depositaria do legado de Alejandro Otero, escribiu unha extensa e excelente biografía sobre este galego ilustre que ven de ser unha referencia para todo aquel que desexe afondar na vida e obra deste insigne paisano noso. A primeira vez que oín falar de Alejandro Otero foi a través do meu tío Xosé Rubia Barcia que entón estudaba en Granada e máis tarde sería colaborador  de Otero cando o Goberno da República encárgalle a Secretaría de Armamento en plena guerra. Logo afondei na súa figura grazas a Enriqueta Barranco que loitou arreo para que Alejandro Otero fose recoñecido e honrado no seu pobo. Despois de sortear non poucos obstáculos conseguiuno. Por fin Redondela recoñeceu a un dos seus fillos máis egrexios, e polo tanto Alejandro Otero agora non é un ilustre descoñecido na súa terra.
É obvio dicir que Alejandro Otero salvou a súa vida de milagre. Logo de moitas vicisitudes  toma o camiño do exilio fixando a súa residencia en México onde segue coas súas labores humanitarias e falece alí no ano 1953. Algunha das súas declaracións subscribiríanse hoxe perfectamente: “ A Universidade española non pode resistir o parangón con outras universidades de Europa, polo que se fai necesaria a renovación do mundo da Universidade”. Ou esta: “deixar sen calefacción un centro docente constitúe un atentado ós máis elementais principios pedagóxicos”. En fin, que Alejandro Otero foi un revolucionario, un intelectual ó servizo do pobo, un home que cravaba as palabras co martelo da elocuencia. Na súa orde de busca e captura redactada polos rebeldes figuraba esta acusación : “espía en rebeldía”. Cousas veredes...

 

ALEJANDRO OTERO

Te puede interesar