CUBA MÁIS UNHA VEZ

Porque chega un momento en que xa non se fai preciso máis currículo profesional, o que non significa deixar de seguir facendo cousas, aínda que máis demoradamente; porque a situación económica, esa inmensa estafa xeneralizada que os que mandan deron en chamar crise, con importante perda de poder adquisitivo, limitou posibilidades ou porque cada ano que pasa o corpo está para un pouquiño menos de trotes, dun tempo a esta parte, os meus desprazamentos, tanto profesionais como particulares, foron minguando. Desde principios dos anos noventa o meu destino máis habitual foi a Habana, capital na que fun profesor, conferenciante, ponente en diferentes congresos e onde, sobre todo, fixen abonda investigación, moita dela aínda pendente de tratamento, conservada en diferentes libretas ou arquivos informáticos.  Algún ano cheguei a estar mesmo dúas veces. A frecuencia das estancias permitiume observar en vivo e en directo o estado da situación en cada visita. Nos primeiros tempos a illa estaba vivindo a dureza do período especial froito do que supuxo para a súa economía o derrubo do bloque socialista. Había carencias tremendas. Inclusive para quen dispuxese de certos cartos as cousas non eran nada doadas. Cada ano parecía percibirse unha lixeira melloría, un pequeno alivio. Mais a escasez continuaba. A falta de recursos motivaba tamén o deterioro da cidade. Cada ciclón que entraba producía destrozos que sabido era que non ían ter amaño doado. E sobre esas zonas deterioradas volvían actuar os novos ciclóns e así sucesivamente. Afortunadamente, con cartos de aquí e acolá, púidose restaurar unha parte da Habana Vella, mais non outros lugares de indubidable interese. Tampouco se puideron solucionar os problemas de habitación ou manutención da xente. Desde hai uns poucos anos, escoitabas que a macroeconomía ía ben –esa cantinela sóanos agora tamén a nós, que a cada paso vemos como as cousas do día a día están peor–, pero a economía doméstica seguía nas mesmas. E así un ano tras outro, con claroscuros, nunca grandes cambios. Acabo de volver da Habana. Botei alí os días da semana pasada acompañado de meu neto de catorce anos, que ía por primeira vez. Nin que dicir ten que o cativo volveu moi contento. Eu, evidentemente, tamén estiven moi a gusto, máxime vendo o neno gozoso. Había case tres anos que non ía e tiña ganas de volver. Aínda que polos amigos sei de cotío da situación do país, está claro que non é o mesmo ver as cousas que que chas conten. Vin cambios que me semellaron positivos e outros negativos. Dos primeiros, chamoume a atención un bo número de establecementos hosteleiros. Bo gusto, bo servizo e prezos adecuados, que iso non sempre é así na capital antillana. En menor medida, tamén vin con agrado o acceso sen discriminacións ós taxis privados a 10 pesos en moeda nacional, antes de uso case exclusivo dos cubanos. Un bo número deles son os chamados “almendrones”, os grandes carros que deixaron os ricos que marcharon após o triunfo da revolución. Eu tamén os usaba con frecuencia, mais dunha volta estiveron a piques de me baixar de un en canto repararon no meu acento. Supoñen un aforro considerable. Dos segundos, reparei en que segue aumentando a maleducación entre a xente nova, froito evidente do deterioro producido pola marcha de bos profesionais docentes ó sector turístico, económicamente moito máis rentable, así como da falta de motivación dos mestres actuais polo salario que perciben. Tamén non vin con bos ollos o caos no cobro dos taxis oficiais. Se non pactas o prezo da carreira vante estafar baixen ou non o taxímetro, xa que a este lle poñen os pasos, non legais, naturalmente, que máis conveñan ós seus intereses particulares. É algo que reflicte ben a situación económica que hai detrás. Antes podían voltear a quen lle vían cara de despiste, como acontece en tódalas partes, mais esa rapina ó Estado, que si existía, non era habitual. Con todo, hai que seguir abondando na Cuba do venceremos.

 

CUBA MÁIS UNHA VEZ

Te puede interesar