Irá desta a vencida?

|

Sempre me pareceu, e así o teño manifestado en moitas ocasións, que a maior parte dos ditos, refráns, proverbios... ou como se queiran denominar adoitan reflectir a parte máis negativamente conservadora das sociedades. Mais iso non significa que, con relativa frecuencia, este tipo de enunciados sentenciosos non nos sirvan adecuadamente para expresar con precisión determinadas apreciacións dos feitos. Isto ben a conto porque entendo que as primeira declaracións que lin do presidente Rajoy referidas ao discurso de investidura pronunciado polo candidato Quim Torra unha vez que este rematou -que é cando eu escribo estas liñas, que pola tarde teño fútbol en Riazor-, lles acae moi ben o proverbio de orixe bíblica de vermos a palla no ollo do outro e non a viga no noso. Porque despois de escoitarlle dicir que “Cataluña necesita un gobierno que respete la ley y gobierne para todos” ou que “No es representativo de lo que es Cataluña” -que é moi lexítimo facelo- reafírmome no convencemento de que don Mariano pertence a ese grupo de persoas que están encantadas de terse coñecido. Porque, entende de verdade que o goberno que el preside é representativo do que é España? Ou que respecta a lei e goberna para todos? Se o pensa, equivócase de cheo. E se non é así, por que lle pide aos demais que fagan o que el non fai? Polo da palla, naturalmente. En fin algo máis que sabido. Vin e escoitei todo o discurso do señor Torra e, antes de máis nada, debo dicir que o primeiro que pensei cando o acabou foi que, independentemente do dito, se me fixera moi levadeiro. En política, ouvir unha voz, un ton, unha maneira de dicir... non coñecida supón un alivio. Porque cansa moito escoitar sempre as mesmas melodías. E falo das de todas as cores e xéneros. Habería, por lei, que mudar voces e persoas cada catro -oito como máximo- anos. Gustei de que comezase o discurso sinalando que non debía ser el quen debía botalo senón o “president legitim de Catalunya, el Molt Honorable Sr. Carles Puigdemont”, dirixíndose en liberdade á cámara e acompañado de todos os presos políticos e exiliados que tampouco puideran acudir. Unha mostra de modestia que contrasta coa soberbia exhibida habitualmente por Mariano Rajoy.Tamén gustei de que fose acorde co programa político co que o seu partido concorreu ás eleccións. Un exemplo, pois, de coherencia. O resto, como non pode ser doutra maneira, vai a gusto do consumidor. O luns coñeceremos o desenlace. 

Irá desta a vencida?