EN MOVEMENTO

Hai poucos meses presentei unha exposición en Santiago baixo o título “O amor... nun coche bomba”. Co gallo da mostra fixen varias entrevistas onde sempre me preguntaban, con lóxica, por tan rechamante denominación. Eu sinalaba a axitación da miña vida actual, a miña incapacidade para a reflexión e presentaba a paixón como forma de enfrontar o caos ou a destrucción á que en moitos intres semella conducirnos a situación xeral. O movemento como forma de resistencia, o pensamento intuitivo, case animal, como resposta.

Ante os sesudos estudos que dan conta da crise económica e as súas posibles solucións, a percepción case sensorial da baixeza moral que se cerne sobre a nosa sociedade. A acción seguramente vaime levar a pecharme no meu centro de traballo, un instituto, na defensa do sistema educativo público. Unha das tantas trincheiras abertas nesta guerra por conservar aqueles logros ou dereitos conqueridos ao longo dos anos e que semella que queren sacrificarse actualmente en proveito de non sabemos moi ben que ser superior.

Non é o mellor plan da miña vida, como case todos gusto da comodidade, mais é importante non restar sen moverse, non ofrecer o branco fácil do elefante parado na sabana. Sempre hai un experto cazador disposto a cobrarse a peza, a cortarnos os colmillos alimentando extrañas vaidades ou como exótica mercaduría neste supermercado global no que nos temos convertido.

EN MOVEMENTO

Te puede interesar