Xohana e Guanabacoa

Non podo precisar cando chegou aos meus ouvidos o nome de Xohana Torres, máis aló de que foi na adolescencia. Posiblemente, primeiro na casa, polos meus pais, e logo por Felisa Araguas, tía de meu amigo Vicente, que tiña trato con ela. Si, polo contrario, sei ben do meu primeiro contacto coa súa escrita. Foi no último ano da carreira cando lin por vez primeira Adiós, María, “a mellor novela galega de arrabaldo obreiro”, como a ten cualificado Méndez Ferrín. Don Ricardo Carvalho Calero, que tivo moito que ver cos inicios literarios da excelsa escritora, tiña, como non, esta pequena marabilla entre os libros de obrigada lectura na materia de Literatura Galega do meu 5º ano da licenciatura. 
A partir de aí viría o meu achegamento ao resto da obra que, abofé, paga a pena ler. Por razóns profesionais, tiven algún contacto non presencial con ela, mais non a coñecían ata o 27 de outubro de 2001, día en que foi recibida como académica numeraria da Academia Galega, na súa sede da coruñesa rúa de Tabernas. 
Espléndido o seu discurso “Eu tamén navegar”, no que está moi presente a nosa cidade. Ten dito Méndez Ferrín: “ Xohana está en Vigo (e en Monteferro) pero sempre se comprace na recordación de Ferrol”. Léano e sei que me han agradecer o consello. Presentáronnos alí, na Academia, Hortensia e Laura Landeira, esas boas amigas comúns, e lembro que falamos da Habana e de Guanabacoa, da que tanto gustaba e que eu non coñecía. Xa estiven aló, seguindo o seu consello.
Un día escribiu estes versos: “Lorref, quixera irme. / Todo está feito xa, / o peixe, as redes. / Algo que nin sabía: / As prodixiosas rutas tamén morren”. Tamén morren as grandes creadoras. Lei de vida.
 

Xohana e Guanabacoa

Te puede interesar