Reboiras, vontade transformadora

Un 12 de agosto de hai 44 anos anos en Ferrol, a primeira hora da mañá, os disparos dunha metralleta segaron a vida de Xosé Ramón Reboiras Noia, militante nacionalista e dirixente da UPG, de 25 anos. Foi un asasinato, como confirmaron os feitos. A ditadura franquista quería deste xeito esmagar o rexurdir do nacionalismo que procuraba a democracia, a xustiza social e o dereito á autodeterminación nacional. Despois deste tráxico suceso e da detención e ingreso na cadea de varios militantes, houbo algunha parálise, que axiña foi superada. Algúns, os/as máis coñecidos pola policía, refuxiáronse en Portugal, onde a Revolución do Cravos abría unha xeira de liberdade e ilusións. 

Reboiras comezara a militar anos antes no movemento cultural en Vigo e no 72 participou nas loitas obreiras que abanearon a maior cidade industrial do país. No ano 1973 traballaría como técnico electricista na Coruña. Dende ali desprazábase ligando con contactos que o partido tiña por todo Galiza. Entre eles estaba Moncho Valcarcel, o crego de Sésamo, que tería un papel importante na loita de Meirama contra as expropiacións, e no fortalecemento do Sindicato Labrego Galego. 

Tampouco se pode esquecer a contribución de Moncho Reboiras aos primeiros xermes do sindicalismo nacionalista. Destacando súa participación na Fronte Obreira da UPG que deu alento a boletíns e organizacións de base en varias cidades: Xerme, o primeiro, na Coruña, Galego en Compostela, Adiante en Vigo, Ferramenta en Ferrol, e Obradoiro en Ourense. Destes xermolos xurdiría no ano 75, coincidindo coas eleccións sindicais no “vertical”, o Sindicato Obreiro Galego, que sería a cerna da Intersindical Nacional Galega. 

Moncho foi un militante exemplar, entregado, e que puxo a súa vida ao servizo das clases populares galegas. Relacionábase coa xente doadamente, socializando ideas, tecendo organización e dando unha man nas loitas reivindicativas do noso pobo. Reboiras foi, sobre todo, un militante social, entregado, coherente e con capacidade de análise. 

Neste intre, tan complexo, propio dunha conxuntura histórica, de esgotamento da globalización neoliberal, mais que nunca convén lembrar a súa contribución e a doutros militantes da época, e a importancia da vontade individual para transformar a realidade. Así como a necesidade manter o combate permanente contra o elitismo, que afasta das clases populares. Este é o mellor homenaxe para todos aqueles homes e mulleres que loitaron por unha Galiza ceibe, pola xustiza social, a igualdade e a solidariedade.

Reboiras, vontade transformadora

Te puede interesar