Dislates interesados

Non teño idea nítida do que os cativos do meu tempo estudabamos de xeografía nos primeiros anos escolares, etapa que cursei no Colexio Jesús Maestro das Discípulas de Jesús e da que conservo moitos e gratos recordos. Os sempre benqueridos Vicente Araguas, Bernardo Máiz, Manolo Galán Ucha, Manolo Escariz... eran compañeiros, e amigos, nas aulas e fóra destas. Se cadra, calquera deles podería informarme do traballado nesa materia, xa que non teño a man ningún exemplar de calquera dos tres graos da Enciclopedia Álvarez, os nosos libros de texto. Mais tampouco paga moito a pena, penso. En calquera caso sei que había xeografía, e máis concretamente xeografía física, porque me vexo no exame de ingreso no Concepción Arenal, punteiro en man e diante dun mapa físico da Península Ibérica, respondendo as preguntas do profesor con tanta seguridade como pánico. O das comarcas e cidades non me esqueceu nunca, como percibo cada vez que viaxo. De Galicia ben pouco, por certo. Iso houbo que aprendelo na práctica. E recordo tamén ben a profesora: Chicha Usero, neta do célebre alcalde, a quen, algo máis de trinta anos despois, atopei no IES Puga Ramón da Coruña, como directora, cando fun alí dar unha charla sobre Fermín Bouza Brey. Noutros cursos houbo que estudar tamén continentes, estados, capitais, ríos, montes, cabos, golfos... A nomenclatura dos accidentes físicos segue, en esencia, a ser a mesma, mais o que ten que ver con cuestións políticas mudou significativamente. Naquela altura, hai case sesenta anos, só tivera lugar parte da “descolonización” de África ou Asia e, mesmo, moitos territorios non tiñan fronteiras ben definidas ou capitais estables. Tampouco se desmembrara a Unión Soviética nin algúns estados da súa área de influencia. Mais do Oriente Próximo e do Oriente Lonxano xa se falaba daquela e segue a falarse hoxe e situabámolos en Asia.. Estase a xogar no Brasil a Copa América de seleccións de fútbol e se miramos o que está a acontecer vemos como participaban nela Xapón e Catar. Ambas ficaron xa eliminadas, mais ata foi posible atoparmos un titular como este: “Catar gaña a Copa América”. Equipos israelís xa hai anos que xogan campionatos europeos. Cousa de tolos. Estudar xeografía para isto?

Dislates interesados

Te puede interesar