A solución está en Ponte Senande

|

Senande é un lugar situado preto da estrada que vai dende a miña real vila de Guitiriz ata os Vilares de Parga, onde naceu Xosé Maria Díaz Castro, o gran poeta da Terra Chá. Adoito viaxar alí a pasar o dia e a camiñar pola beira do rio das Escádebas que leva o nome dunha aldea próxima, o mesmo que, augas abaixo, será o río dos Sete Muíños. Bos aires aqueles, cando sol, sol, cando choiva, choiva e cando neve, neve, o que produce moi bos grelos. Catro casas cangadas de séculos, ducia e media de veciños, todos vellos e ningún neno. Dende estas alturas, por riba dos 600 metros, vense as cousas de xeito distinto, illados da chamada civilización os problemas son máis doados de resolver. Bo sitio para meditar e remoer, ideas e sentimentos, sentado na ponte sobre o rio contemplando o maino discorrer das augas. A través do móbil mantéñome ao dia dos últimos acontecementos dun mundo que semella non ter solución. Cantos máis adiantos temos, máis complicado se fai, as guerras que non cesan, os atentados cada vez máis sanguentos, esa xente que se inmola, os fanatismos, as corrupcións dos miserábeis e as miserias de moitos... — “Se eu fixen este mundo, que o demo me leve”,- dixo o poeta de Celanova, e excomungárono. 
Tal como están as cousas neste país noso, semella que estamos condenados a unhas novas eleccións en xuño, o que significa máis do mesmo e oito ou nove meses sen goberno coa economía baixo mínimos e baixando. Fracaso total dos nosos políticos, ¡eses cranios privilexiados!, como os definiu Don Ramón Maria, o das grandes barbas de chivo. ¿Non sería boa cousa recluílos a todos eles en Ponte Senande, incomunicados, sen TV, sen teléfono e a dieta de grelos fervidos como prato único ata atopar unha solución e chegar a un acordo de goberno pensando soamente no país, esquecendo partidismos e ambicións persoais.
 Se isto non dera resultado aínda nos quedaría como derradeira saída, correlos a boinazos ata que abandonen a política deixando paso a outros que arranxen o que eles teñen tan desarranxado. Non merecen outra cousa, uns e outros, os de aquí e os de acolá. 
(Dedicado a Xermán Castro que, xa sen vesícula, convalece na habitación 411 do Arquitecto Marcide).

A solución está en Ponte Senande