A ninguén sorprende a misiva que está a recibir a militancia socialista ferrolá (que nin sequera leva sinatura). É outra deriva autoritaria que reflicte o, cada vez maior, papel marxinal local. Tampouco son novidade a xeneralización da liña de silencio e o culto á personalidade -impostas un ano antes das eleccións municipais- onde ás e aos discrepantes se lles somete a unha sorte de “terceiro grao” para que, así, acaten a disciplina ao uso dos grupos sectarios.
Úsase unha lectura oportunista dos estatutos, que nunca coartaron a liberdade individual das e dos seus militantes. Realmente, os acordos obrigan á súa executiva e aos cargos públicos. Ademais, a cidadanía non castiga a discrepancia de opinión, senón as leas polo reparto de sillóns. Mágoa deste tempo perdido, para o partido socialista e para Ferrol. E remato, porque son consciente de que non conto co beneplácito oficial...