Irmandades da Fala, máis que lingua

OO vindeiro 18 de maio cúmprese un século do nacemento das Irmandades da Fala. A iniciativa foi de Antón Villar Ponte. A primeira xuntanza celebrouse nos locais da Academia Galega, na cidade da Coruña. Acudiron 20 persoas, coa finalidade de crear unha liga de amigos do idioma galego. No ano 1915, o escritor Aurelio Rivalta fixera un chamamento neste sentido na revista Estudios Gallegos. Mais sería Villar Ponte o que comezou, o 5 de xaneiro de 1916, unha campaña para levar adiante esta idea. Deseguido naceron noutras cidades e vilas asociacións semellantes, por exemplo, no Ferrol no ano 1917, e en Ortigueira en 1918. O seu voceiro sería “A Nosa Terra”. 
Seguramente serán moitas as actividades que se realicen para conmemorar a data e divulgar o ideario do galeguismo, que define na Asemblea de Lugo de 1918 un programa progresista e nacionalista. Asemade, non se poden esquecer antecedentes coma estes: a Revolución de 1846, o banquete de Conxo en 1856, a publicación de “Cantares Gallegos” en 1863 e a “Historia de Galicia” de Vicetto en 1865, a insurrección de Ferrol en 1872, a creación do Partido Republicano Gallego en 1873, que reclamaba un goberno propio para Galiza, o primeiro xornal exclusivamente en galego, “O Tio Marcos da Portela”, en 1876, ou a Academia Galega en 1906. 
Tampouco se debe ignorar o contexto. Europa está mergullada na Primeira Guerra Mundial. A revolta  ferve en Irlanda, onde na Pascua de 1916 iníciase unha insurrección que remata en represión sanguenta (24-29 de abril), o que ten como consecuencia que o soberanismo desprace o autonomismo como referencia popular. En Rusia o réxime zarista descomponse abrindo as portas á revolución democrática de febreiro e á socialista en outubro de 1917. 
Coa mesma rapidez esfarélanse o Imperio Otomán e o Austro-Húngaro. E a hora da liberación das nacións sometidas en Europa e Medio Oriente; tamén do ascenso da clase obreira. 
Moitos dos que integraban as irmandades estaban ligados coas loitas sociais da época. Lembremos o seu papel nas asembleas agrarias que potencian a loita contra o sistema foral. Condicións de vida, soberanía, identidade, lingua, xa eran daquela parte dun proxecto de país.

Irmandades da Fala, máis que lingua

Te puede interesar