PASOS CONTADOS

Oministro do Interior recoñeceu á fin a evidencia que os duros do seu partido, con Aznar á fronte, se negan a aceptar. Tras o anuncio do cese da violencia, ETA é máis un problema político que policial. Dando este paso, o goberno de Rajoy desacraliza o corpus doutrinario que o PP utilizou como camisa de forza contra calquera iniciativa que contribuira a avanzar cara a normalización en Euskadi. Xestionándoo con intelixencia, sen concesións á demagoxia e o partidismo nas que hai uns días caeu Rosa Díez, cando tentou que o Congreso esixira a ilegalización das coalicións abertzales Bildu e Amaiur, en presenza dos sete deputados que a representan legal e lexitimamente na Cámara, será posible afrontar con éxito o gran desafío de asentar definitivamente a convivencia política nese territorio. Catro meses antes, cos ecos do caso Faisán enfurecendo a estratexia contra Rubalcaba, os conservadores houbéranlle dado o seu plácet. Agora aceptaron reeditar o que moitos anos atrás tivera no pacto de Ajuria Enea a escenificación da unidade de tódolos demócratas a prol da paz.

O de agora, malia a ausencia de UPyD, vai moito máis alá: sen violencia, tódalas barreiras son franqueables. Abonda con establecer una folla de ruta que, aparte de contribuir a restañar feridas, para o que serán imprescindibles outros pronunciamentos sobre a dor causada como o que os abertzales fixeron público na pasada fin de semana, leve a pensar o futuro de Euskadi de xeito compartido. Rajoy ten agora na súa man o que antes lle negaran el e o seu partido a Zapatero: o apoio decidido de practicamente toda a oposición para “favorecer os esforzos cara unha convivencia social construída sobre os principios e valores en que se sustenta o Estado de dereito”. Está política e moralmente obrigado a abrir vías resolutivas que, aparte de conseguiren a disolución de ETA, sirvan para converxer nese futuro de convivencia.

Non é ningún segredo que entre eses esforzos está o de mover ficha na política penitenciaria, facendo porque os presos da banda se beneficien de tódalas medidas de reinserción posibles. Que esta cuestión vai implícita no acordo sobre a xestión da fin de ETA dedúcese da sinatura do PNV, e tamén do silenzo cómplice do lehendakari Patxi López, que reclaman a progresiva desaparición das medidas especiais que, malia o cesamento definitivo da acción armada, síguenlles sendo aplicadas aos encarcelados. Sábense respaldados nesa reivindicación pola inmensa maioría da sociedade vasca, e con toda seguridade aceptaron o pacto tras recibiren de Rajoy ese compromiso nas reunións que dúas semanas antes tivo tanto co lehendakari como con Íñigo Urkullo. Que cadre coa principal demanda dos abertzales, lonxe de ser un obstáculo, é unha vantaxe, porque do que se trata, como dixen antes, é de decidir o tempo post-ETA de xeito compartido.

Con todo, queda por diante un largo recorrido. Para avanzar no pactado faise imprescindible diferenciar entre o conflito da violencia, que está desactivado, e o conflito de identidades. Razonábao na revista Tempos Novos o profesor vasco Juan José Álvarez. Asi como o terrorismo non é a consecuencia natural dun conflito político, senón a súa perversión, a desaparición da violencia non resolve sen máis aquelo que o pacto de Ajuria Enea definira daquela como “profundo contencioso vasco”. Porén, a súa natureza é exclusivamente política. E a súa canalización definitiva –un proceso aberto, compartido e sen exclusións, de normalización–, tamén. Xa o dixo o ministro.

PASOS CONTADOS

Te puede interesar