De cestos e mazás

Daquel famoso intento dos dirixentes populares, para explicar que as actitudes corruptas  eran minoritarias nun partido grande como o PP,  recorrendo para elo á imaxe do cesto das mazás, onde tan só algunhas estaban  podres, destacan basicamente dúas cousas, a primeira o tamaño descomunal que debe ter o dito cesto, para soportar tantas e tantas persoas, circunstancias e condutas ilegais incesantes. 
E en segundo lugar, a profundidade do mesmo, xa que semella ser máis fonda que a mesmísima fosa atlántica. Dous novos casos e con nomes moi coñecidos, saltaron á palestra: o exministro de Sanidade Alonso, e a estrela emerxente Maroto. E todo indica que aínda non se tocou fondo. Tampouco cesa o recurso dialéctico da promesa da erradicación das condutas irregulares, corruptas e impropias dos servidores públicos, que os dirixentes populares utilizan en cada intervención ante os medios. ¡Tarde piaches!  Estou convencido, de que hai cousas que só se corrixen dende a soidade da oposición, onde a reflexión sobre o sucedido, leva a modificar criterios,  estratexias  e condutas. E todo isto sucede nun país, onde os recortes puxeron en grave risco servizos e atencións sociais de todo tipo, e onde centos de miles de dependentes agardan, ou ben pola avaliación da súa situación, ou ben por empezar a percibir algún tipo de axuda. Puideramos pensar que o PP, dende o Goberno en funcións e ante esta segunda oportunidade inesperada, cambiarían de estratexia para posicionarse mellor. Pois non. Volven á famosa Estratexia do Medo. Sen nós será o caos (din novamente). E volve Anguita coa eterna teoría do Sorpasso. Como dixera un alumno (sic)  “as liñas son algo paralelas no inicio, pero ao lonxe nunca saberemos se converxen”. 

De cestos e mazás

Te puede interesar