É ESPAÑA UN ESTADO DEMOCRÁTICO?

Si en España a primeira autoridade, concretamente o Xefe de Estado, non se elixe, senón que o posto o obtén por herdanza, rómpese xa o primeiro principio democrático incuestionable, que non pode ser outro, que ó nacer todos sexamos iguais. É certo que cando en 1978 votouse e aprobouse a Constitución, nela figuraba a existencia da Monarquía, mais hai que dicir que a alternativa a Constitución, que certamente tiña artigos democráticos interesantes, era continuar coas leis franquistas. Sería, moi democrático saber agora que quere a xente, que daquela non puido votar, ou que aínda non nacera.
De tódalas maneiras, sendo este un problema moi importante e antidemocrático, non o é tanto como o que está pasando cos aparatos dos dous grandes partidos, case en exclusiva.
Dende que veu a transición, un grupo de persoas, non excesivamente numerosas, fóronse incrustando nestes centros de decisión e en colaboración cos grupos fácticos de poder: certos banqueiros, moitos grandes empresarios, algúns medios de comunicación, etc.,  non permiten que os cidadáns exerzamos unha verdadeira democracia. Non é de estrañar, que cando esas persoas, retíranse ou perden unhas eleccións, estes poderes fácticos, premíanos cuns bos postos de traballo e seguen mantendo moito poder.
Exemplos: Eses dirixentes, dende os centros de decisión, fundamentalmente do PP e PSOE, elixen e reparten entre os seus afíns, o Consello do Poder xudicial, o Tribunal Constitucional, o Fiscal Xeral do Estado –ata se pode ver a un fiscal defendendo a unha persoa que defrauda ó propio Estado–, o Tribunal de Contas, o Tribunal da Competencia, o Consello do ente RTVE –que é nin máis nin menos o maior medio de comunicación–, o Centro Nacional de Estatística, ó presidente do Banco de España e de outras entidades bancarias –Bankia, BBVA, etc.–, eles fíxanse os seus propios soldos etc, etc. Ata cando están no Goberno teñen o poder de indultar ós amigos, que algún tribunal independente mete ou trata de meter na cadea.
É verdade que unha certa legalidade os ampara, e o Goberno ten que elixir xente da súa confianza, mais existen fórmulas que permiten que persoas non afíns e profesionais accedan tamén a estes cargos, cousa que non tratan de poñer en práctica, salvo algunha excepción, como a que intentou unha soa vez o PSOE, refírome á anterior elección do director da RTVE.
Non é de estrañar que a este grupo de persoas non lles interese facer referendos, e non me refiro só ó de Cataluña, para saber o que opina a xente ante moitos temas.
Tampouco lles interesa a limitación de mandatos nos cargos públicos, nin nos orgánicos dos partidos –temos alcaldes dende a ditadura, e Rajoy, Rubalcaba e outros que andan o seu redor, van por ese camiño–, facendo da política unha profesión en vez dunha vocación. Non permiten que existan listas abertas, para desa forma colocar ós seus achegados. Iso si, deixan que institucións caducas como as Deputacións, ou outras que non serven para nada, como o Senado, continúen, porque son unha fonte de caciquismo para obter votos e serven para recrutar e manter xente nos seus partidos.  
Desta maneira vemos como a corrupción medra, e se algún xuíz ousado intenta poñerlle freo, inmediatamente ese xuíz  ten problemas ou pode telos.   
Todo isto é gravísimo e non se lle ve solución, porque estas persoas non van querer perder o seu poderoso estatus, salvo que nunhas eleccións os dous grandes partidos perdan o inmenso poder que agora teñen, e os partidos que os substitúan non se atopen xa igualmente viciados. Mentres isto non aconteza moitos pensamos que en España non existe democracia.

É ESPAÑA UN ESTADO DEMOCRÁTICO?

Te puede interesar