OUTRA VEZ OS PROMETEDORES

Dicía Hugo Betti (1892-1953), dramaturgo italiano en cuxas obras teatrais criticaba as imperfeccións da xustiza e o análise do sentimento humano de culpabilidade que “ a humanidade desexa esnaquizarse para ter unha diversión”, e o escritor francés Enri Barbasse (1873-1935) líder pacifista autor de moitos éxitos, entre outros o famoso manifesto antibelicista “Le feu journal d´une escouade” (Diario dunha brigada contra incendios) co que ganou o premio GONCOURT (1916), deixa escrito que “Toda a humanidade, a pasos de xigante, imos cara á destrucción”. Vendo o que vemos, e o que non vemos, ou non queremos ver, nesas imos se non recapacitamos. 
De seguirmos este camiño aniquilador e non damos un xiro universal de inmediato de 360º, pronto os rosales producirán só espiñas e as rosas serán flores do pasado…
Guerras, barbaries, fame, miseria. Sede de afecto e de amor; de avaricia e opulencia. De venganza, que xa é, ou debe ser ter moita sede.
Tal vez, quizais, vai ti a saber, se todos –poida chegara coa maioría– puxéramos un anaco de carraxe, de corazón. De nós. Se esquecéramos egoísmos tantas veces viscerais. Se camiñáramos unidos e fósemos solidarios, se non fósemos tan submisos, se esixíramos na vez de pregar, este mundo sería mellor. Dende logo que non habería as diferencias económico-sociais que deberan ser de vergoña absoluta (se tiveran vergoña) para os que como se fósemos monicreques nos manexan con fíos que sosteñen a espada de Damocles pendurada cada segundo sobre as nosas cabezas. 
Eles, os señores das finanzas, das industrias armamentísticas, das guerras, das probas nucleares, das farmacéuticas, da droga e da prostitución… algúns políticos, gobernantes ou non, que tamén son monicreques voluntarios por avaricia, por manter privilexios namentres e despois dos cargos. 
Porque, ás veces, conciencia e condición humana son tan elásticas que permiten adaptarse a todas as ideoloxías. Porque, tantas veces, o corazón que tamén teñen, díctalles unha liña zigzagueante a seguir e eles, elas, seguen a recta que é máis doada. Porque, a quen non lle gusta benvivir? Anque cando saen á rúa teñan que poñer orelleiras, gafas opacas e máscara facial. Eso si, ben protexidos, fartos e guapos elegantes. 
Seino, amigo Sidre que hai políticos moi dignos, intelixentes e botados para adiante e que consideran á verdade como palabra sacra, de lei. A verdade fai ó home libre. 
Agora volven os prometedores como en cada campaña electoral a repetir o que fai anos dixeron. Prometer, que é de balde. A ver se hai algún desmemoriado que pique e tropece por enésima vez. 
Volven xogar co sentimento do pobo. Sorrisos, programas tentadores, verborrea de axentes de seguros, críticas á oposición, caramelos, globos, bolis, bicos, aplausos. “Votarnos, somos os mellores”, e ó remate petiscos tentadores e unha copa dúas tres que levan á euforia. Sempre igual, con excepcións que sempre pode haber. 
De que valen os mitins, á parte de gastar moito diñeiro das arcas do Estado; é dicir, de todos os españois. Se non se fixeran, todos os partidos estarían nas mesmas condicións de chegada á urna, e canto se aforraría. 
Mentres tanto antes do 20 D, don Mariano presumindo de que España está creando máis postos de traballo que outros países. E que postos? En precario, uns días, incluso horas, medias xornadas de 7 ou 8 horas pagando só 4 a soldo miseria. “Y si no lo quieres tengo ciento a la puerta”. Ese é o mérito dos conseguidores do miragre da gloriosa reforma laboral. Co que pagaban onte a un, hoxe contratan a media ducia. 
Si señor Rajoy, nesas condicións, e noutras peores, desviven varios millóns de españois. Nada de que presumir, a non ser de facer unha política nefasta para o país e para unha gran maioría de españois, que só beneficia ós que xa tiñan dabondo.
Cantos noxentos corruptos amparados en cargos públicos. Cantos ladróns inda ceibos. Canta desigualdade que nos pode levar a pasados séculos. Cantos chucharon do bote común valéndose dos nosos votos?
Agardo que a partir do 20 D, os honrados proliferen; tan sequera que abunden. Que os hai, sen dúbida… Admirada e querida Cataluña, seguiremos adiante, xuntos. 
 

OUTRA VEZ OS PROMETEDORES

Te puede interesar