Orangután contra escavadora

|

Aproveitando a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, unha organización internacional de protección e defensa da natureza difundiu unhas imaxes en vídeo, gravadas cinco anos atrás na illa de Borneo, Indonesia, nas que se ve a un orangután defendendo, subido na rama dunha árbore que é o hábitat tradicional e propio del, o seu espazo vital fronte a unha escavadora que vén devastando a totalidade do bosque selvático, sen deixar ningunha peza vexetal en pé. Esta imaxe de destrución é unha fortísima metáfora da desfeita medioambiental que se está a producir, con efecto irreversíbel, na totalidade do planeta. A mesma que, de non mediar decisión de sentidiño común na tramitación administrativa da súa autorización, sufrirá a veciñanza de Touro e da súa contorna de levarse a cabo o proxecto mineiro que mobiliza á cidadanía na súa contra. 
Velaí, “este orangután desesperado que busca freneticamente refuxio diante do poder destrutivo da escavadora, unha máquina que xa viña estragando todo ao seu arredor”, é a versión actual do mito do David contra Goliat, porén sen o final feliz que, no caso do heroe israelí, o autor da fábula converteu en triunfador da pugna co filisteo xigantón. Non, aquí na realidade do abusivo poder sen límite que impoñen as corporacións industriais e financeiras multinacionais, simbolizadas estas no aparello escavador, son as gañadoras. A fauna, e por extensión a humanidade, é a perdedora dunha loita sen tregua na que cada día sumamos unha derrota máis á causa dun futuro habitábel. 
Por sorte, aínda non está todo estragado, cabe a reacción para evitar a catástrofe total. Unha batalla de concienciación e actuación con políticas inaprazables que está, entre outros lugares nos que se toman decisións, sobre a mesa da nova ministra de Transición Ecolóxica que vai ter ocasión de amosar que o seu ámbito de actuación vai para alén da mudanza cosmética na denominación da carteira; e, tamén, da simplificación dun foco centrado no freo ao cambio climático. A deforestación é unha causa determinante do quentamento global, polo tanto cerne dun propósito que sitúe a defensa e replantación de fragas e bosques nas prioridades ecolóxicas. 
Plantar árbores para “reconstruír e protexer o hábitat dos orangutáns”, alá onde ven reducido o censo da súa especie de forma dramática; e manter os espazos naturais e as condicións de vida da poboación rural. É tarefa moi urxente, o reloxo avanza imparábel. 

Orangután contra escavadora