CONFUNDIR ALLOS CON BUGALLOS

Talvez moita xente non se queira enteirar. Talvez é que unha mentira mil veces repetida acabe por parecer un arremedo de verdade. Talvez sexa que a ignorancia é moi atrevida. Talvez que existan moitos intereses creados. Talvez que se queira tirar o coello da chistera e todo o mundo centrarse no truco e non na manipulación da realidade. Talvez que a chantaxe emocional e un certo complexo de inferioridade nos aboquen ao disparate. Talvez.
Estámonos a referir ao tema tan manido acerca do inglés, convertido ultimamente case que nunha das noticias de maior alcance dos nosos medios. Logo, tampouco desdeñaremos a oportunidade para tamén entrarmos ao trapo. España é o terceiro país de Europa que menos inglés sabe, só os húngaros e os búlgaros disque saben menos ca nós. A diario xorden cartas ao director, columnas e artigos de opinión de expertos e de alleos que abordan o tema, e até fichas de aprendizaxe en xornais para que a xente se anime e compre, ou asista a clases de inglés. Que, digo eu, que as EOI, centros de linguas, academias e demais deben de estar a facer o seu agosto con tanta publicidade como se lles está a facer.  
Pero vaiamos ao asunto principal do debate. Matar moscas a canonazos antóllasenos o peor dos remedios. O déficit no coñecemento do inglés ten sido explicado con profusión por centenares de opinantes. Un exceso de gramática e pouca práctica oral, a inepcia fonética, a timidez e sempiterna sensación de ridículo, etc. son razóns argüídas ao respecto. Vergoña dá, ben pensado, que só húngaros e búlgaros nos superen en descoñecemento, pois sabemos que o ruso era a primeira lingua estranxeira estudada até hai ben pouco nos centros escolares nos seus países. Nin dicir ten que os polacos, eslovacos, checos, alemáns orientais, romaneses, etc. están por diante de nós en coñecemento deste idioma e tamén o ruso era o primeiro idioma estranxeiro que estudaban na escola.
Pódese alegar, na nosa defensa, que a etapa franquista fixo moito mal, mesmo se actuou cunha certa displicencia canto ao coñecemento de linguas estranxeiras en xeral, e do inglés en particular. Que hoxe, sobre todo as xeracións criadas no tardofranquismo e nos primeiros anos da democracia, somos reféns deste tipo de educación baseada na aprendizaxe escrita e memorística de conceptos gramaticais e de léxico, é un feito. E o inglés, non cabe dúbida, pódenos abrir moitas portas ao mundo. Viaxar e poder entenderse e comunicarse con outros prodúcenos unha enorme satisfacción. Até para desenvolver certo tipo de traballos, pois tal ferramenta lingüística pode resultar dunha tremenda utilidade.
Pero que as árbores non nos impidan ver o bosque! A mantenta, a cerimonia da confusión foi creada. Acabámolo de dicir: o inglés é unha ferramenta. Fóra das aulas en que se imparta tal disciplina, cando falamos dos diferentes centros educativos, debería ser simplemente tratado como un instrumento máis. Como pode selo a informática, ou a música, ou a exposición oral que cómpre que aprenda e practique o alumnado. O poder salvífico do inglés é unha falacia, non é a panacea. Saber inglés non tira a un individuo de salvalo da fame; pensemos, p.e., en tantos países do terceiro mundo en que os seus habitantes falan ou saben falar este idioma e non teñen que comer.
Unha das finalidades educativas, e das principais competencias básicas, debería ser que o alumnado adquirise destreza suficiente no dominio da ortografía e da puntuación, así como da expresión, quer a nivel escrito quer a nivel falado. Eis unha das patas fundamentais do ensino e da que se coxea ostensibelmente, a cada pouco máis. A lectura comprensiva falla desde a base e isto tradúcese en problemas para o aprendizado de calquera materia escolar: Matemáticas, Historia, Bioloxía, Tecnoloxía, etc. Dita disfunción estase a padecer mesmo en persoas que cursan bacharelato, moitas delas que entrarán logo na universidade. Dicía o outro día Ponte Far nun artigo: “Piensen en nuestros bachilleres, incapaces de construir más de una frase con su sujeto, verbo y complementos en su sitio. Pónganlos, encima, a hablar en inglés, y nos sale Ana Botella”.
Non seremos nós quen nos riamos do “relaxing cup of café con leche in plaza Mayor” da alcaldesa. O complexo a que aludiamos, de rirnos do outro cando se esforza en falar inglés, parece formar parte do noso código xenético. E inglés, falouno, si. Outra cousa é que non comportamos nin a súa política nin a ridiculez do discurso. Peor, se cabe, é a planificación do “cambiemos todo para que nada cambie” da LOMCE. Trilingüismo anticonstitucional nas Baleares, cun terzo das materias en inglés (nunha lingua estranxeira!), así sexa en detrimento de que aprendan o que de verdade teñen que aprender: Xeografía, Plástica ou Matemáticas. Que opinan, por certo, dos filmes en inglés do horario infantil da TVG, vixiante na promoción da lingua galega? En fin, xa conseguiron o que querían: que andemos enleados nese confundir de allos con bugallos.   

 

CONFUNDIR ALLOS CON BUGALLOS

Te puede interesar