Entrañable concerto

Sen dúbida ningunha, a pregunta que, con diferenza, máis veces me fixeron en Montevideo –van aló máis de trinta anos–, nos meses en que estiven de profesor na Universidade da República Oriental do Uruguai, foi se era do PSOE ou do PP.
Anos antes, nos meus tempos infantoxuvenís, ademais do “estudias o trabajas”, ao que me referín hai uns días, non era nada raro que a xente che preguntase se eras de Beatles ou de Rolling Stones.
Así como para dar resposta á pregunta política non precisaba nin un segundo para responder, nin era, nin nunca fun de ningún deses dous partidos, contestar á pregunta musical requiríame darlle unha voltiña, pois sempre gustei de ambos os conxuntos. Pero ao final, se había que dicir un, era Beatles. De feito teño practicamente todos os discos destes que se editaron en España. Non así os dos Rolling. Por iso, aos fans dos que alcumaban “escarabajos”, se nos puxeron os dentes longos cando soubemos que Antón Seoane ía ir velos á praza das Ventas de Madrid, xullo do 65. Sorte tremenda a do amigo, que algúns anos despois comezou unha importantísima carreira musical que soubo desenvolver ao tempo que exerceu de médico, a súa outra vocación.
Acorde con esa onda Beatle que nunca me abandonou –escóitoos con frecuencia–, na noite de antonte venres acudín ao concerto de Ringo Starr & His All Stars Band no Coliseo da Coruña, completando así a xira de exBeatles iniciada hai un par de anos –tamén en xuño, precisamente– cando fun ver e escoitar Paul McCartney no madrileño estadio Vicente Calderón, que neses días, xa entregado á especulación, daba as últimas boqueadas. Foron espectáculos moi diferentes –non por iso menos entrañables– tanto pola cantidade de público, como polo estilo dos temas, como pola cualidade do son, como pola duración do espectáculo...
O concerto de Ringo, que durou pouco máis de hora e media, iniciouse co ben coñecido “Matchbox”, de Carl Perkins, que os Beatles gravaran, precisamente na voz de Ringo. Pechouse co “With a Little Help From My Friends”, o tema de Lennon e McCartney gravado para o LP Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band, así mesmo na voz de Ringo. Fusionando as notas finais da canción coas do lennoniano “Give Peace a Chance”, o mítico batería saíu do escenario e xa non volveu. Despedíronse os compoñentes da banda, que verdadeiramente responden ao seu nome de All Stars Band, e non houbo nen asomo de “outra” ou “só mais uma”, que din os portugueses.
De saída, mentres subía as pinas escadas do Coliseo, xa non moi aptas para xentes das nosas idades e menos aínda en horas da medianoite, batín con José Gómez Alén, vello amigo dos anos universitarios. No cansativo ascenso cara á rampla de saída houbo tempo de lembrarmos aquelas audicións que con tanto fervor conducía, no soto da compostelá cafetería Gaiola, cando corría o ano 69 e o cuarteto de Liverpool aínda estaba operante e mesmo non dera todo o que tiña que dar.

Entrañable concerto

Te puede interesar