Empeza esta semana coa resaca do acontecido nos distintos concellos do Estado o pasado sábado. É evidente a transcendencia dos resultados do 24 M e a súa escenificación permitiu visualizar un cambio total en bastantes gobernos locais. Foron moitos os discursos resaltados estes días. Todos os que supoñen un cambio avanzan no mesmo sentido, a necesidade de facer protagonista ao conxunto da cidadanía nas decisións que afectan a súa vida diaria. É esta administración, pola súa maior proximidade, a que permite con maior eficacia un traballo decidido en políticas de participación. Somos bastantes os que levamos tempo demandando esta liña de actuación. As cousas cambiaron, afondar en calidade democrática esixe unha maior corresponsabilidade de todas e todos. Non é un camiño doado, é necesaria moita pedagoxía, xenerosidade e mesmo cambios en usos e costumes pero é o xeito de achegar aire fresco a un ambiente tan cargado.