No punto de partida

|

Do mesmo modo que chegan as primaveras, as diversas teorías sobre que todo flúe e nada permanece, ou aquelas dos eternos retornos, incluso as máis de andar por casa, centradas en frases tipo víase vir, fixeron xa a súa aparición na nosa realidade. Dende decembro, demasiadas cousas pasaron como para poder permitirnos o luxo de permanecer inactivos e indiferentes, como se nada tivera que ver con nós. 
Demasiadas traxedias; dramas que pasan a ser ferida no ánimo dunha sociedade que se resiste a ver como normal a imposición a sobrevivir nas peores circunstancias. As crises dos refuxiados pesan coma lousa na conciencia de Europa. Obama está en permanente despedida. E unha nostalxia do perdido esténdese. Marcha un grande, cun amplo bagaxe de pasos dados na boa dirección. E teño a sensación de que para as relacións internacionais, con dirixentes coma Trump calquera tempo futuro será peor. En España as eleccións do 26-X xa están convocadas. 
Volven as mesmas mensaxes de que haberá pactos, acordos e incluso ofertas de vicepresidencias novamente. Se os resultados das pasadas eleccións trasladaron a idea da superación do bipartidismo, a lección da brevísima XI Lexislatura, foi a imposibilidade de xestionar unha alternativa. É máis, trasladaron a idea da dificultade de sentarse a falar. Unha mestura de sentimentos de fracaso, decepción e sorpresa instalouse nunha sociedade que quería un cambio político. Podería ter sido, pero non foi. Hai moitos culpábeis. Pero unha soa consecuencia: non houbo cambio. Retornan os mesmos actores, pero... cambiará o guión?

No punto de partida