Saudade

Saudade é unha mágoa especial que se sente pola ausencia ou desaparición de persoas..., mesmo polo tempo que se foi e aínda polo que está por vir. O pasado mes de agosto nos deixaron dous pesos pesados da interpretación.

O día 8 falece Sancho Gracia vítima dun cancro de pulmón. Actor de cine, teatro e televisión con gran cantidade de representacións e premios entre os que destaca a Medalla de Ouro das Belas Artes. Déixanos o inesquecible personaxe de Curro Jiménez, romántico bandoleiro andaluz que se tivo que botar ao monte por mor das inxustizas sociais. Ao longo de corenta episodios nunha primeira xeira, 1976 a 1978, e doce máis co Regreso dunha Lenda, 1995, entusiasmounos coas súas aventuras na televisión xunto co Algarrobo (Álvaro de Luna), o Estudiante (Pepe Sancho), o Fraile (Francisco Algora) e o Xitano (Eduardo García).

A min esta serie fíxome evocar aos fuxidos da guerra incivil que tantas penalidades tiveron que aturar nos montes galegos.

O día 30 morre, despois dunha longa enfermidade, Carlos Larrañaga Ladrón de Guevara, actor de longa traxectoria no teatro, no cine e na televisión con grandes premios acadados nos que destaca asemade a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes. En 1982 se estrea na televisión a serie “Los gozos y las sombras” baseada na triloxía de don Gonzalo Torrente Ballester publicada entre 1957 e 1962, “El señor llega”, “Donde da la vuelta el aire” y “La Pascua triste”. A serie deu a coñecer en todo o país a novela de Torrente, 25 anos despois da súa publicación. Todos gozamos coas aventuras e desventuras de Cayetano Salgado (Carlos Larrañaga), Carlos Deza (Eusebio Poncela), Clara Aldán, (Charo López) e dona Mariana Sarmiento (Amparo Rivelles), entre outros moitos magníficos actores e actrices nacionais.

Vaia neste apunte un recordo apaixonado destes dous galáns que tanto fixeron gozar a tantos. Penso que cumpre, como derradeiro homenaxe, repoñer na televisión algunha das películas, series ou obras de teatro protagonizadas por tan extraordinarios artistas.

 

Saudade

Te puede interesar