Nos dominios da urxencia

|

NOS DOMINIOS DA URXENCIA. Arte e sociedade na Coruña da Transición ( 1973-1986)” é unha extraordinaria mostra que ofrece a Fundación Luis Seoane, e que o seu comisario Xurxo Taxes documenta polo miúdo, con noticias de prensa, cartas, fotos, catálogos, debuxos, pinturas, carteis, libros, cadernos de debuxo e cunha selección de cadros e esculturas, facendo así unha intensa viaxe polos movimentos plásticos e sociais que floreceron na nosa cidade durante  as dúas primeiras décadas do posfranquismo. Xurdiron entón os grupos Sisga (1973), a Carón ( 1975), A Galga ( 1977), Novos fotógrafos coruñeses( 1982) e Gruporzán ( 1985). Todos estes grupos beberon das vangardas, da ruptura contracultural, do refugamento da moral establecida e da necesidade de achegar a arte á xente. 

Galerías como Ceibe, Mestre Mateo e Giannini e locais alternativos, como a libraría Lume, o pub O Patacón, Os Arcados e a tasca Enrique, contribuiron a  visibilizar e a dinamizar aquela eclosión de arte vivo, na que os xóvenes de entón estabamos apaixoadamente implicados. 

No inicio daquela movida, fíxéronse accións de grupo, entre as que hai que salientar os murais pintados na rúas coruñesas polos membros de Sisga e o happening realizado por  A Carón, en xaneiro de 1976, na galería Mestre Mateo, no que se fixo pintura en directo e no que participou o numeroso público asistente enchendo coas súas reflexións un xigantesco rollo de papel que agora colga na mostra. En abril do mesmo ano, A CARÓN, levado polas propostas da antipsiquiatría de Laing, realizóu unha experiencia cos internos de Conxo, que bailaron e cantaron ao son da música de Bem-Virá e pintaron espontáneamente (tal émulos de Jackson Pollock) uns fantásticos murais; esta experiencia liminal  pode ser contemplada agora na proxección do super 8 que fixera o fotógrafo do grupo Manuel Abad.  

García Varela, fundador de Sisga, nun texto para unha mostra de Xaime Cabanas deixa clara testemuña de cal era a motivación que impulsaba  naqueles  anos da Transición a estes xóvenes artistas: “La obra está ahí para molestarnos, para hacernos participar de este tiempo de tensión.”: Este desacougo é visible nos cadros, na liña da Nova Figuración, que representan bultos humanos de García Varela; no “Carniceiro” de César Otero; no “Humán animalizado” de Correa Corredoira; en “Pomba e home”, de A. Carpo, no que con linguaxe fortemente expresionista opón  ao aterrado xesto do persoaxe a arela de inocencia; ou en “A pombiña do corazón roto” de Chelín.  Outras aportacións están na liña da abstracción lírica ou da xeométrica, como ocorre con Klaus Stiemerling, Bea Rey ou coas esculturas de Mon vasco. Obras de Galán, de X. Espona, de Gonzalo Viana,  de Federico Barranco, e de Xoti de Luis; así como fotos de X. Correa, Vilariño,  Luis Carré, X. Lobato, Xoan Piñón e M. Abad ilustran este percorrido que, como di Xurxo Taxes,  “...introduce ao visitante na ardentía creativa da Coruña dos 70 e 80, naquela interacción cultural experimentada nos dominios da urxencia”.

Nos dominios da urxencia