Torres de Meirás

|

Antonte, como fago de cote, mentres xantaba, estaba a ver o Telediario da primeira da TVE que, entre outras cousas, daba noticia da devolución -a través do patrimonio do Estado- das torres de Meirás ao seu lexítimo dono: o pobo, que, obrigado polas circustancias, sufragara a súa compra, ás herdeiras de Emilia Pardo Bazán, para llo ofrendar ao xefe do Estado como residencia de verán, uso que lle deu anos e anos, como ben sabemos -e algunha vez padecemos- os que xa temos certa idade. No medio da información, apareceu o noso presidente autonómico mostrando a súa satisfacción pola devolución -lembremos que non hai moito manifestara cousa ben diferente- e expresando o desexo de que se lle cedese á Xunta para a súa xestión, asunto que non teño nada claro e que, consecuentemente, non é o que motivou a redacción destas liñas. Propiciounas o pasmo que me produciu escoitar en boca do señor Núñez Feijóo que se recuperaba o pazo que, no seu día, se lle ofrecera ao “General Franco” [sic], porque me pareceu unha puntualización irresponsable. Porque, se se lle obsequiara ao xeneral Franco como tal e non ao xefe do Estado, por que ten que devolvelo a familia? argumento, este, que don Alberto esgrimía hai tres anos. Lapsus linguae? Traición do subconsciente?

Torres de Meirás