MARES BELOS

|

Se cadra soubemos de Surriento (ou Sorrento) pola célebre canción que leva o seu nome. Eu, cando menos, lémbroa de toda a vida: “Vide’o mare quant’è bello,/spira tantu sentimento,/Comme tu a chi tiene a’ mente,/Ca scetato ‘o faie sunnà./Guarda gua’ chistu ciardino;/Siente, siente sciure arance:/Nu profumo accussi fino/Dinto ‘o core se ne va…”//E tu dice: “I’ parto, addio!”/T’alluntane da stu core…/Da sta terra de l’ammore…/Tiene ‘o core ‘e nun turnà?//Ma nun me lassà,/Nun darme stu turmiento!/Torna a Surriento,/famme campà!”... Iso si, sen saber que a letra está en napolitano. A peza compuxérona en 1902 os irmáns De Curtis –Giambattista (letra) e Ernesto (música)–, por encargo do sindaco (alcalde) da vila, en honor do primeiro ministro italiano que pasara unha tempada na vila e convidándoo a volver para que axudase a mellorala. Cantárona desde xentes do pobo ata grandes tenores, empezando por Enrico Caruso. Mais, tamén a cantou e popularizou noutros ámbitos Elvis Presley, “Surrender (Torna a Surriento)”, quen, así mesmo, gravou outras coñecidas cancións napolitanas: “Santa Lucia”, “It’s Now or Never (Sole Mio)”... E falando do napolitano, que é o que se usa na vida cotiá da zona, meu neto, que viviu algúns anos no Mugello, ó carón de Florencia –menos un ano que viviu ó pé de Parma, onde, polo falar, no colexio lle chamaban o toscano– dicíame que non me ía enterar de moito porque non falaban italiano. Hai máis de corenta anos, cando estudei italiano como materia optativa na Facultade, escoitei que o italiano en realidade só existía na RAI. É un algo ou un bastante esaxerado, mais tampouco se trata dunha simple boutade. Hai italianos e italianos. En calquera caso o que vaticinaba meu neto non foi para tanto, xa que nas zonas onde hai abundancia de turismo adoita falarse calquera cousa. E abofé que en Sorrento hai turismo a esgalla, de máis e de tódalas cores. Se non fose porque ten zonas con espazos amplos, case resulta tan agobiante como Capri. O municipio, duns 16.000 habitantes, xa ten unha alta densidade de poboación: 1838,55 hab./km², máis do dobre que o noso Ferrol. Eu creo que non viviría alí de verán, aínda que supoño que si debe ser agradable gozar do clima e da paisaxe noutras estacións, entendo que con menos visitantes. É evidente que a camorra existe. O que Roberto Saviano narrou na novela Gomorra –do que tamén puidemos saber pola película (Matteo Garrone 2008) do mesmo título baseada nela– existe realmente. De feito, o autor anda agachado e protexido polo mundo adiante. Mais eu non notei nada extraño en toda a zona. Non palpei ese perigo do que falaba un taxista romano, diferenciando a situación siciliana da napolitana. Segundo el –eu nunca pisei Sicilia– na illa a mafia vese claramente, mentres que en Nápoles só se poden ver rapaces moi pequenos que te poden asaltar sen miramento ningún. Insisto, podían andar por ali pero eu non os vin. O que si vin na Marina de Sorrento foi un pequeño grupo de persoas, homes e cativiños, sen ningunha muller, tomando algo ó pé do mar mentres agardaban a hora de celebración dun casamento que ía ter lugar no claustro –luxosamente engalanado– de San Francisco, alí ó carón. Era mediodía e ía calor, mais eles, grandes e pequenos, estaban todos cos seus traxes, e gravatas, negros e as camisas brancas, ós xeito dos mafiosos que temos visto en diferentes filmes en cerimonias dese tipo. Estes cantaban, mais é probable que nada tivesen que ver coa mafia. Ou, se cadra, si. Quen o sabe? O que sabemos é que sorrentino foi o afamado poeta épico do Cinquecento Torquatto Tasso, un dos escritores preferidos do noso grande vate Eduardo Pondal, como sabe ben calquera devoto e/ou estudioso da súa obra. Tanto é así que no que se conserva da biblioteca do de Ponteceso atopamos La Gerusalemme Liberata e L’Aminta di Torquato Tasso (París, 1850), ademais dos tres volumes da Vita de Torquato Tasso (Torino,1895). Na vila natal, como non, unha céntrica praza leva o seu nome e alberga unha bonita estatua propia da súa persoa erixida en 1870, segundo di a placa do pedestal. Na vila napolitana tamén morou unha boa parte da década dos XX Máximo Gorki, a causa dos problemas de saúde que xa o levaran a Capri –a tiro de pedra de Sorrento– na primeira década do XX. E isto tamén se recorda, porque recordar sempre é importante. Se cadra algún día, como na canción, tornarei a Surriento, cupeteando os seus sabrosos caramelos de limón.

MARES BELOS