Can de palleiro

Acomunidade chinesa polo mundo adiante, a comezar polo seu territorio natural, anda a celebrar nestas datas de febreiro o seu aninovo. Fan ben, é defensa dun modelo de calendario con milenios de tradición que dá identidade cultural e personalidade de seu a unha civilización diferente e rica na simboloxía das súas manifestacións festeiras. Eles, e por extensión os pobos da veciñanza oriental máis próximos na súa contorna, teñen o seu xeito de regular os ciclos do tempo; entre eles á do peculiar comezo e remate de cada período anual. Máis aínda, non funcionan só coa representación do algarismo, non. A cada ano, corresponde unha icona baseada na rotación dun animal, de entre os doce magníficos referentes, conxugado cun elemento básico.
Doce animais que, vista a lenda con variantes, foron procurar encontro co Emperador de Xade ou co Buda e deste xeito consagraron o seu dereito a marcar o mítico calendario. Súmanse os cinco elementos básicos na importancia do universo rural: Terra, auga, lume, metal e madeira. Por iso, chega o Ano do Can de Terra; e dicir, o número 4716 da conta que eles levan. Releva ao do Galo Vermello de Lume nunha duración diferente ao modelo occidental, igual sempre agás os bisestos. Noutra cultura manda o ritmo lunar e marca comezo e final “na noite da lúa nova máis próxima á data en que o sol pasa polo décimo quinto grao de Aquário”. Ten o seu aquel, abofé que o ten si.
Celebración sonada, Festa de Primavera, que non leva toma de uvas pero si cea copiosa coa carga de carne de porco ou peixe que traen boa sorte e velada familiar na que non pode faltar o agasallo simbólico do sobre vermello con billetes que saúda o desexo de que este novo ano traia para quen dá, e para quen recibe, máis diñeiro. Novos tempos nun país tirado para o consumo.
Se nós, nesta latitude atlántica, simbolizaramos cada ano nunha figura equivalente á chinesa, o que está a correr con certeza sería o do Can de Palleiro que “vive máis ben á marxe do mundanal barullo e observa a distancia, moi divertido, a feira das vaidades”. Porén co seu temperamento forte, a fidelidade á familia na que vive integrado e a defensa férrea do territorio por el gardado, o seu ladrido non cesaría na denuncia da desfeita producida á natureza.

Can de palleiro

Te puede interesar