Fixe

Portugal é fixe”, adoita dicir o meu caro amigo Diego Bernal, un auténtico namorado do mundo da lusofonía. Actualmente anda impartindo docencia de español por Viçosa, terras de Minas Gerais, e farase medio mineiro, como antes xa se fixo medio carioca non tres anos que estivo de profesor de galego no Río de Janeiro. No entretanto, parou un ano en Lisboa, para traballar, estudar e gozar da vida desa fermosa cidade. La estivemos, hai un par de anos, meténdolle un algo no mirador da Graça, por onde moraba.
Fixe é un termo que se está impoñendo, como sinónimo de ‘bom’, ‘porreiro’, mais que os dicionarios aínda seguen a recollelo como portugués informal. Penso que para nós unha tradución sería bárbaro, estupendo ou, máis informalmente, caralludo.
Concordo con Diego, que antes de amigo foi alumno en que Portugal é fixe, termo que xa uso, mais que descoñecía na práctica cotiá ata que, hai xa tres meses, que vin dar cos meus ósos a Braga, esa bonita e acolledora cidade que temos, á vez, tan próxima e tan distante. Aos que residimos na costa tírannos máis as zonas marítimas. Consciente ou inconscientemente, é así. A min sucédeme. Cando menos con Galicia e con Portugal. Estivera en Braga varias veces. Dunha delas viñera a unha festa do Avante en pequeno, ou algo así, a finais dos anos setenta da que me acorda que un dos cantores fora José Jorge Letría, de quen, por certo, lin un par de libros nas últimas semanas. Mais, había cando menos vinte anos que non volvera poñer os pés nela e, de feito, só lembrei con nitidez, é curioso, o Bom Jesus. Que, como é sabido, queda no monte. Do resto cousas parciais, moitas delas cambiadas por mor diso que dan en chamar progreso. Isto é, converter en horrendas rúas e prazas –para facer aparcamentos subterráneos, de pago– espazos que antes tiñan encanto e dinamismo, vida. Con todo, non todo son desfeitas, e descubrín unha cidade que descoñecía, que medrara moito e na que a vida pode ser cómoda e pracenteira. Descubrín, ademais, que en menos dunha hora podes estar no Porto, Guimarães, Póvoa de Varzim, Vila do Conde… nun espectáculo, paseando, tomando o sol ou bañándote no mar. Deixo Braga no remate dos días de festa que reviviron Bracara Augusta, os tempos en que a cidade foi capital da Gallaecia romana, coas rúas e prazas cheas.

Fixe

Te puede interesar