A igrexit continúa aumentando

Pasaron, probablemente para non retornar, aqueles anos nos que as igrexas se enchían de xente que asistía ás misas os domingos e os días festivos. Eran tempos nos que a Igrexa Católica, reinaba en España sen oposición e co apoio dun Estado confesional, a unión do poder político co poder relixioso. A Igrexa sentíase protexida baixo a ditadura de Franco, e así continuou coa monarquía borbónica. Un dos privilexios que esta relixión levaba consigo era a posibilidade de impedir que as persoas que non se sentían crentes puideran manifestar publicamente a súa liberdade de conciencia ou a súa pertenza a outra relixión. Para evadir esta situación ás persoas  que asistían a eses actos só lles quedaba a simulación ou a participación como se fosen encontros sociais, asistindo a eles como espectadores e agardando que terminaran. Digamos vodas, bautizos ou funerais. Pero chegou o Concilio Vaticano II co papa Xoán XXIII e a cousa comezou a cambiar. Este papa, xunto con un grupo selecto de teólogos europeos levaban xa tempo traballando na procura de deixar atrás as doutrinas e disciplinas impostas polo Concilio de Trento. O Tridentino, co apoio do poder imperial, había limitado a liberdade das persoas, tanto na conciencia e nos sentimentos, como nas manifestacións externas. As normas de este Concilio mantivéronse en vigor practicamente ata o Vaticano II. 
As igrexas valeiras é o sinal máis evidente da falta de sintonía dos fieis co poder relixioso que aínda conserva o clero. ¿Haberá que agardar a que as castas clericais, curiais, desaparezan totalmente? Os seminarios, chamados tridentinos, están a cerrar, e as parroquias quedan sen cregos.  A voz de alarma de que algo así ía pasar vense dando dende hai moitos anos. E eran moi poucos os que lle prestaban atención. Foi cando comezaron a aparecer persoas e pequenos grupos perseguidos polas curias e o poder clerical, cómodo e ben asentado. Máis o paso do tempo acabou por darlles a razón. Teño agora na mente a un amigo, de feliz memoria, xa falecido, que constitúe un símbolo especial de todo isto: Xosé Chao Rego. 
 

A igrexit continúa aumentando

Te puede interesar