Omérito do “Manifesto de Vidán”, asinado por persoas do prestixio e valía de Xavier Vence, Carme Adán, Ana Luisa Bouza, Ana Rúa, Ana Miranda, Alba Nogueira, os antigos alcaldes de Sada e Boiro Abel L. Soto e Xosé Deira, Xabier Toba ou o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, está en diagnosticar a fin do ciclo do BNG, proclamar a necesidade dun novo partido galeguista de vocación maioritaria e distinguir este obxectivo a medio prazo do obxectivo a curto prazo de construir unha maioría alternativa a Feijóo.
Porén, non pode substraerse a unha certa pulsión de refundar o BNG para dirixir En Marea. Ou, dito doutro xeito, de facer nacer o Partido Nacional que Galicia precisa demasiado vencellado ao obxectivo estratéxico de lle dar o relevo ao PP en tres meses e demasiado dependente dun traballo de patchwork que nun 80 ou 90% recollería antigos afiliados ao BNG no 2011, no canto de sentar os alicerces deste partido dende a base cidadá e dende o protagonismo de novos perfís. Claro é que o coñecemento, a experiencia e o capital político do conxunto dos adherentes será fulcral para posibilitar ese relevo nas eleccións nacionais galegas do outono. E para fornecer de cadros capaces a un futuro goberno de coalición que substitúa ao do PP. Porque nin para empoderar esta alternativa nin para mantela no vindeiro cuatrienio a cidadanía vai admitir o discurso das xeneralidades e dos lugares comúns, senón que esixirá moita e boa xestión transformadora.
A construción do Partido Nacional trascende ás eleccións do outono. Mais, se a substitución de Feijóo non se acada, este proceso vai requirir dun reprantexamento xeral e, moi probábelmente, doutras orientacións, no horizonte das eleccións locais do 2019. Neste suposto o obxectivo estratéxico a medio prazo non pode ficar arrombado. E a liña estratéxica adoptada por CxG terá moito que dicir. Construir o Partido Nacional requirirá de intelixencia, nos seus destilados de xenerosidade, paciencia, sentidiño e relegamento dos personalismos. E de se abrir ao País real, a esas ducias de milleiros de persoas que, sen ser nacionalistas, teñen a Galicia como referente.