O mapa político ferrolán está próximo ao colapso segundo a maioría dos analistas que discorren sobre o futuro da urbe e todos e todas apuntan na mesma dirección como solución única e irrenunciable para a cidade: a estabilidade e unidade dos políticos e políticas.
E os partidos políticos, moi guiadiños eles, semellan estar de acordo, e fan causa dese obxectivo:
FeC e PSOE son cada vez máis amigos. Íntimos diría eu. Un matrimonio de conveniencia, e hai que recoñecelo, construído sobre sólidos alicerces. Ambos comparten a necesidade perentoria de aprobar as contas de EMAFESA e cobrar a taxa como sexa, de alardear de progres mentres xustifican o catolicismo do diñeiro público con subvencións a dedo, de aprobar o convenio con defensa (dándole un toque personal, por suposto) e ambos están de acordo en que o BNG es muy, muy “radical”.
Ambos predican la unidad de la izquierda como receta para que todo siga como está. O que non acabo de saber é se “con el BNG radical o con solo un poquito del BNG”, imaxino que co cachiño menos radical.
Para o PP a cousa vai polo mesmo sendeiro pero como eles son máis chulos que un oito, dun modo un pouco menos eufemístico: primeiro eles e despois o resto. É dicir, a estabilidade para o PP consiste en que todo o mundo estea de acordo no que eles din. O certo é que o que din tampouco difire moito do que din os dous anteriores, e para mostra un botón: Quen lle aprobou a taxa e as contas de EMAFESA de 2014 e 2015 a FeC máis que o PP?
Para o PP, o BNG é... mellor nin saber o que lles pode pasar pola cabeza cando esas siglas se constrúen na súa mente, vade retro!
Neste contexto, que denominaremos efecto balsa de aceite, é normal que se alguén timidamente ergue a voz e afirma que quizais o convenio con Defensa é prexudicial para Ferrol, ou que a taxa de depuración deben colaborar a pagala a Xunta e o Estado, ou que o diñeiro debe repartise con transparencia e con igualda Ade de oportunidades, o desprezable mindundi que se atreveu a erguer a voz sexa considerado un proscrito, condenado ao desterro e lapidado en público.
Pero o que non acabo de comprender é como se todos e todas están tan de acordo en todo, e simplemente teñen unha pequena pedra no zapato, como é que a pesar da subida do Produto Interior Bruto e a propaganda das F110 todo semella ir igual de ben para os de sempre e igual de mal para o resto?