ENSAIO AGRESIVO

Ninguén o pode sintetizar mellor que o xenial El Roto na súa viñeta: “Se imos cara atrás, por que nos din que hai que mirar cara diante?” Na contrarreforma iniciada polo goberno de Rajoy non hai nada que nos anime a desafiar o medo que transpiramos. Pola contra, todo fai porque cale de tal maneira nos nosos ósos, que acabe fracturando a nosa condición social. E tamén a nosa fe na democracia, sometida como a teñen a todo tipo de componendas extrapolíticas. Por caso, marcar constitucionalmente e sen referendum o déficit cero, unha ocurrencia interesada do dúo Merkozy e do BCE, deixando sen marxe de manobra aos gobernos para deseñar as súas políticas económicas. En 50 días na Moncloa, o executivo conservador entrou nos escenarios do poder institucional como un cabalo nunha cacherreiría. En todos e cada un deles, baixo a presión e a prescrición dos poderes fácticos aos que serve.

O representado pola Igrexa de Rouco, que esixe unha volta atrás nos dereitos individuais. O dos banqueiros e o da CEOE, que esixiron mando en praza: xa teñen os primeiros a reforma que facilita a creación dun auténtico oligopolio financeiro, e os empresarios xa dispoñen dunha reforma laboral que nada vai facer por deter a sangría do paro –asi o confesaron ao unísono Rajoy, na última sesión de control parlamentaria, e o BBVA, que anunciou dous mil parados máis cada día–. O que a resolutiva Soraya calificou de reforma profunda e equitativa deixa aos traballadores fóra de xogo fronte aos empresarios -a limitación da ultraactividade dos convenios colectivos, con prioridade para os de empresa-, satisfacéndolles ademais a estes últimos a súa demanda de sempre: facilitar e abaratar o despido. Incluído o colectivo, o dos ERE, que non necesitará autorización previa. E aínda máis: o de carácter obxetivo non terá en conta os beneficios, senón o mero estancamento da produción. Será unha coladeira.

A segunda gran mentira electoral de Rajoy, sen contar a do parlanchín González Pons cando anunciou que, en chegando ao poder, o PP crearía dous millóns e medio de empregos. Comprometérase en non abaratar o despido, como tamén en non subir impostos. Nin unha cousa nin a outra. Por moito que o disfrazasen de progresividade, o paquete de austeridade fiscal que aprobou aos poucos días de ser investido penaliza tamén aos traballadores, deixando practicamente intactas as rendas do capital, os beneficios empresariais e as grandes fortunas.

Ver e escoitar como o ministro De Guindos, un ex Lehman Brothers, se humillaba ante un comisario da UE imposto pola señora Merkel, facéndose pasar polo alumno aplicado e servil que cumpre os desexos do amo coa intención de recibir o espaldarazo pola decisión ‘extremadamente agresiva’ que tomaría ao día seguinte contra os seus propios concidadáns, un acaba tendo a sensación de estarmos en mans duns auténticos trileiros. Experimentando como nolas gastan, sen que nada mude no modelo de produción económica, o verdadeiro cabalo de batalla, o lóxico non é mirar cara diante. O lóxico é vixiar a bolsa na que gardamos as poucas ilusións e pertenzas que nos quedan.

ENSAIO AGRESIVO

Te puede interesar