Rebates electorais

|

Os debates políticos televisados non son máis que outro invento chegado de EEUU, onde todo o que sae no receptor ten que ser un espectáculo. O sistema electoral do Reino non dá lugar a que haxa dous charlatáns nunha regueifa. Se importamos o invento ao territorio galaico, o duelo se converte nun combate de un contra todos, o que vén sendo que Feijóo terá que resistir os asaltos de Pachi e Jorquera, porque os opositores non dispararán entre eles, por iso é mellor que discutan os candidatos do PSdeG e do Bloque, a ver que sacamos en claro. Desde logo, non serán quen de buscar con encanto e glamur unhas zapatillas nun armario.

Á parte dos tres capos do Parlamento, para os electores tería máis share unha disputa entre os outros aspirantes a quentar asentos no Hórreo. Por un lado, os inter-nacionalistas galaicos-mundiais e, polo outro, os aventureiros chegados da meseta, aos cales se podería sumar algún máis que quere saír do paro e vir facer as galicias, que, dado o panorama político, parece que este territorio vai camiño de converterse no laboratorio das receitas contra a salvación do euro.

De cara á galería, nun debate a tres, Feijóo superaría por goleada aos outros dous. O dos Peares está máis afeito a pasearse polas televisións do Reino, incluso en programas de humorismo político, que os outros dous, que como regueifeiros non se gañaban a vida. Pachi parece que exerce de médico escribindo receitas sen mover os ollos e sen que lle saia pola boca un mal chiste, mentres que Jorquera, aínda que con algo máis de graza, dá a impresión de que fala para os estudantes desde unha escaleira dunha facultade.

O que segue sendo unha mancha negra é que o Parlamento, o Goberno e o destino de 2.778.913 habitantes se decida entre votantes dispersos polas américas e que o maior gasto en propaganda do PPdeG e o PSdeG vaia a campañas en Buenos Aires. Así que debater sobre os rebates televisivos e unha forma de enganar e dar entretemento mediático uns días antes de asegurar o voto alén do Atlántico.

Así que tendo o destino dos recortes, axustes e desemprego en mans da emigración americana, para que queremos debates aquí, se con catro churrascadas multitudinarias xa se buscan votos. Eses ágapes son máis agradecidos polos electores, sobre todo en época de crise, aínda que haxa que soportar discursos que, como mal menor, axudarán a dixerir a inxesta. Porque, iso si, como non sexa de comer a fartar non lle vexo futuro ao partido que mate á fame a ducias de votantes. A fin de contas, os autóctonos debatemos e rebatemos mellor despois de comer.

 

Rebates electorais