CARA A ONDE CAMIÑA A HUMANIDADE?

|

Acha-lo Amor, Amar, non é doado;
máximo cando a boqueira
pola que se accede ó noso corazón
ten a cancela pechada.

Dicía eu fai uns cantos anos na presentación do meu primeiro libro “Poemas da beiramar”, que para min a poesía é como un espello que axuda a mirar e a controlar a vida. Pero tamén, unha figura literaria que permite – dentro dunhas mínimas normas establecidas e certas licencias poder transguedir as leis da métrica, da ortografía ou a sintaxe –  ser reivindicativos, activistas da palabra, para, dentro dun sentir profundo poder chegar á rebeldía convertida en verso, protestar contra das inxustizas ou crear poemas de amor.
Tamén a poesía é, ou puidera ser, unha maneira de despertar conciencias durmidas. De soñar desperto. De amar e sufrir á vez. Tantas veces, un berro en deserto perdido que poetas e poetisas, e milleiros de persoas defensoras do humanismo desexaríamos que un vento propicio transformara en canción  solidaria que unira a tódolos pobos do mundo, traendo a paz.
Xa o escritor periodista e poeta francés Henri Barbusse (1873-1935), autor de grandes libros e importantes manifestos dicía que, “toda a humanidade nos diriximos con pasos de xigante cara á autodestrucción”.
Estamos a vivir unha crise humanitaria que fai tremer as columnas que aguantan o firmamento, pero que non despertan as conciencias dos que podendo evitala, egoístas e covardes, péchanse nas súas búnker-mansións, nese mundo extraordinario de privilexios, luxos e dilapidación e para nada lles preocupa o outro de desesperación, pobreza, miseria e morte que eles, para o seu propio beneficio crearon.
Eses, esas, que disfrazados todo o ano de puritanos, piadosos defensores da santa caridade, disimulan trala máscara axudar ós semellantes dando unha esmola co fin de purificar putrefactos corpos e mentes, para cando chegue aquela que a ninguén perdoa coa gadaña ó lombo, “o que todo o ve”, os encamiñe cara ó lugar da eterna felicidade.
Caridade, palabra que nunca debera existir en ningunha lingua. Virtude teologal, é o que din os diccionarios. Pero tamén –eso xa o digo eu– crúa e cruel realidade da que ninguén debera depender. Axuda coa que moita xente de bo corazón pretende aliviar as penas dos seus semellantes. Non a dos canallas corruptos; dos que rouban o diñeiro do pobo e o levan a paraísos fiscais; dos grandes emperadores da economía mundial; dos que de boca para fóra din que “a xustiza é igual para todos”, cando na realidade defenden a que lles interesa, da que xa o gran Platón dicía que, “a xustiza non é outra cousa que a comenencia do máis forte”. Aqueles, aquelas, que fixeron infelices a tanta xente deberan pensar, antes de que os visite a “portagadaña”, se son merecentes de seren sempre felices, ante tanta maldade da que deberan responder ante a Xustiza.
Os poetas, como dicía Salvatore Quasimodo (1901-1968), poeta italiano formado dentro da preceptiva literaria dos clásicos gregos, están sempre ó lado da Xustiza.
Como non vou defender ós poetas, don Salvatore, aínda que eu cambiaría a conxugación afirmativa do verbo pola de “deberan estar”. Ós poetas e a tódalas persoas decentes. Tampouco e certo que os empresarios e políticos, que teñen mala sona, deben ir todos no mesmo saco. A gran maioría están a salvo. Ben é certo, que unha mazá podrida no mesmo cesto, de non ser retirada a tempo, apodrenta as outras.
Certo tamén, que se houbera un reparto máis equitativo das riquezas a caridade desaparecería –cousa que para nada interesa á maioría dominante–  e a xustiza sería a razón do pobo e nunca a razón da forza dos poderosos.
Como imos entendernos a nivel mundial, se non somos capaces de facelo entre un puñado de españois? Cando seremos capaces de discrepando, tendo diferentes ideas e xeitos de pensar, entendernos polo ben común, polas futuras xeneracións? Dende logo, tódolos corruptos e consentidores teñen que desaparecer da escena política.
O pobo vai canso de políticos arcaicos. Abramos a porta a xente nova, con novas ideas e con ganas de levantar a este país en decadencia. É hora de que dentro dunha renovada democracia haxa unhas novas formas de goberno.
Remato como empecei con poesía, xa que a poesía, como dicía Aristóteles é máis profunda e filosófica que a propia historia: “Que extraño destino / da miña fraxilidade fixo nacer un poeta? / as miñas palabras non serven; o son da miña arpa, / por moi musical, non é verdadeiro. Do poema “O poeta e a musa”, do libro “65 poemas recuperados” de Konstantino Kavafis. 

CARA A ONDE CAMIÑA A HUMANIDADE?