Escuros intereses

|

Sesde neno fun amante do deporte en xeral, tanto da parte activa -practiquei varios con mellor ou peor fortuna- como da pasiva, acudindo a recintos deportivos ou seguíndoo polos medios informativos nas súas diferentes versións.  No seu día, deixáronme de interesar algúns dos que adoitaba estar ao tanto. Tal o baloncesto, que vivín, mesmo en directo, como socio do OAR, durante uns anos e que logo, por causas que descoñezo, me deixou de interesar totalmente. 

Noutros casos, tal o ciclismo ou o atletismo, deportes dos que fun moi parcial, deixaron de interesarme cando comezaron a aparecer escandalosos casos de dopaxe.  Se cadra –moitos deportistas, que parecen de fiar, teñen falado do tema–, houbo excesos de celo e certos positivos non obedecían a operacións dolosas e si a motivacións doutra índole que non deberían ser sancionables. Mais quen pode aseguralo despois de tanta fraude como houbo? Sentinme moralmente obrigado a deixar de ver ciclismo, cando era da xente que non perdía as retransmisións de despois de comer do Tour, do Giro, da Volta..., e tamén, por suposto, de interesarme na prensa dos resultados das competicións. Co atletismo, deporte que adorei e adoro, tamén me aconteceu algo semellante, aínda que en menor medida. Sigo vendo determinadas probas –tal así case todo o último campionato do mundo, malia levantar moitas sospeitas a súa celebración en Doha–, mais xa non o fago co interese  con que o fixen no pasado. E non é cuestión de idade, abofé.

De momento, o deporte polo que me sigo sentindo moi atraído é o fútbol, aínda que ás veces, cando vexo cousas das que non gusto, penso en que se, sendo bebedor e fumador empedernido como era, fun quen de deixar totalmente o tabaco e o alcohol tamén podería deixar de ver fútbol, nos campos e na tele, e, á volta duns meses, non botalo en falta para nada. Andei pensando bastante niso nestes últimos días por dous motivos ben diferentes, un político e outro económico: o acontecido coa celebración do partido Barcelona-Real Madrid e o despido de Anquela no Deportivo. Como, a dez días vista, se pode decidir aprazar un dos dous partidos estrela da Liga? Alguén agarda que vaian continuar tantos días os minoritarios e condenables incidentes nas rúas de Barcelona? Ese tipo de medidas -igual que a proposta do demócrata Tebas de levar o partido ao Bernabeu-, na miña modesta opinión, non fan máis que enrarecer o xa suficientemente enrarecido ambiente político en Cataluña. Como se pode botar alegremente un adestrador cando se dixo non haber cartos para manter no plantel determinados xogadores?

Eles saberán por que o fan.

Escuros intereses