ESTATÍSTICAS Y MANIPULACIÓN

As estatísticas son esenciais, sempre que reflictan as tendencias que un olla ao redor no cotián. En poucas palabras, nun mundo no que espionaxe e a manipulación informativa están á orde do día, a estatística non deixa de ser unha arma máis ao servizo dos grupos de poder que, por cobiza e/ou elitismo, coidan que todos os medios son lícitos. Os últimos dados, encol das condicións das familias galegas, amosan contradicións abondo como para pasalos varias veces pola peneira do que albiscamos acotío nas relacións sociais.
Segundo a enquisa do 2º trimestre de 2013 reduciuse a porcentaxe de familias que chegan a final de mes con facilidade, concretamente pasaron do 47,25% ao 42,31% nun ano. Todos e todas pensaremos que é correcto e razoábel tendo en conta o duro axuste social, mais se temos en consideración os dados dos últimos catro anos vemos que pasou do 41,57% ao 42,31%, ou sexa que segundo estas estatísticas hai máis xente que chega con facilidade a final de mes. É dicir que a crise permite que haxa máis familias que viven nunha condición desafogada. Alguén pode crer isto? Sen dúbida algo falla nestas estatísticas, por máis que lle gosten a Rajoy e Feijóo. Pode ser que se realicen entre moi poucas persoas ou con medios insuficientes, ou sinxelamente sexa unha groseira manipulación, mais non casan coa realidade.
A enquisa amosa onde se concentran as situacións sociais límites. En relación á tipoloxía das familias, nas unipersoais e monoparentais a dificultade para chegar a final de mes atinxía o 65,67% e 67,29% respectivamente. Segundo o lugar de residencia, as situacións de precariedade máis elevadas dánse nos concellos de 20-50 mil habitantes cun 67,24%, e de 10-20 mil habitantes cun 62,36%.
Malia a emigración, todo reflicte que a situación das familias debería ser máis grave do que amosan estas estatísticas, tendo en consideración o medre da taxa de desemprego, da queda dos salarios e das pensións, a redución das prestacións sociais, o aumento dos produtos e bens de primeira necesidade e da presión fiscal. Todo parece indicar que se manipulan as estatísticas; se fose así, sería outro xeito de corrupción.

 

ESTATÍSTICAS Y MANIPULACIÓN

Te puede interesar