¡POR FIN!

Xa ía sendo hora de que chegase o frío. Ese invento que convida a dormir arroupados, a comer pratos contundentes, a sentar na mesa braseiro coas pernas debaixo dos faldóns compartindo conversas e silencios. Si, xa sei que isto último xa non se estila mais deixen que me poña saudadoso. Nostálxico da que partillaba co avó Vicente. El facendo solitarios, eu lendo xa non sei que libro da colección “Reno”, na radio, os tanques soviéticos entrando en Budapest.

De súpeto, con velocidade inmensa, chegou o frío. Empurrado, dotado de forza, polo vento glacial. E dá xenio ver ás cativas que xeitosas van cos seus adobios invernais. ¡Que xa era hora! O único, que non chove, ao menos en Madrid. E tampouco neva. Moi pouco, de xeito avarento ou forriche na Sierra, que este ano vende “liquidación por derribo”. E un pensa nos invernos de antano, cando subía a Cotos e Navacerrada nun trenciño de xoguete que se colle en Cercedilla, e pasa por estacións de nomes tan frutais como Camorritos (por exemplo). Chegou o frío, si, e agora (escribo este “miudiño” co mencer, segundo fixen sempre) toca saír á rúa. O termómetro marca mínimas, así que será cousa de abrigarse un pouco. Tampouco moito, que o frío compre recebilo de corpo xentil. Para facerlle despois unha faena de aliño. Que con este touro compre non recrearse, que pode ter o seu perigo. Así que á rúa, que logo, cando volva, tocará mesa braseiro ¡Quen me dera compartila co avó Vicente!

¡POR FIN!

Te puede interesar