MANUEL MARÍA, COMPROMISO E DIGNIDADE

O  ano 2016, centenario das Irmandades da Fala, vai ter un protagonista especial, o poeta Manuel María, unha das máis sobranceiras personalidades da cultura galega da segunda metade do século XX. A vida deste muiñeiro de brétemas é unha fermosa lección de fidelidade e amor á terra. A súa integridade e coherencia, o seu compromiso social, cultural e político, a permanente defensa do idioma galego e una firme actitude ética e solidaria, son valores e cualidades que caracterizan a traxectoria vital e a obra literaria do poeta da Terra Chá.
  A súa relación con Ferrol arranca como colaborador  de Aturuxo, a revista de poesía e crítica editada na nosa cidade entre 1952 e 1960 da man dos directores Miguel Carlos Vidal e Tomás Barros, con ilustracións de Isaac Díaz Pardo, e un crítico literario de excepción, Ricardo Carvalho Calero. Colaborou coa Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, e recibiu unha homenaxe institucional na casa do concello cando veu entregar exemplares da súa obra poética completa ás bibliotecas dos institutos, colexios e entidades culturais e veciñais o 26 de novembro de 2002. Daquela deixou escrita no Libro de Ouro do concello a seguinte dedicatoria: “Este humilde servidor – un galego normalizado que escribe versos- agradece con toda a alma esta honra que lle dispensa o concello de Ferrol, cidade que coñezo e amo desde hai anos, berce de Vicetto, Quintanilla, Pablo Iglesias e Carvalho Calero, entre outros moitos, xente galega, universal e loitadora sempre polas liberdades humanas”.
  Manuel María continúa a ser estrela e bandeira do noso  porvir como pobo. Palabra firme, constante, militante, sempre ao servizo dos que sofren no mundo. Unha persoa que non imaxinaba a súa vida sen a poesía. Un antídoto contra a barbarie, segundo certeira expresión doutro grande poeta nacional, Miguel Anxo Fernán Vello.

MANUEL MARÍA, COMPROMISO E DIGNIDADE

Te puede interesar