Soberbios, os que non respectan
ao pobo que gobernan.
Soberbios aqueles que prometen o que de antemán saben non van cumprir. Os que cren ser sempre posuidores da razón. Sobervios (e desvergonzados) aqueles que sen saber pilotar póñense ao temón ata que embarrancan a nave. Aqueles que pensan que para pensar están eles.
Coido somos a maioría da cidadanía do mundo, forzosos pasaxeiros dunha premeditada crise e imos cara a descoñecido destino. Intentemos non perder o penúltimo tren. Daquela a viaxe sería eterna.
Nesta lexislatura o Goberno do Partido Popular, semella convertiuse nunha perversa máquina de dicir despropósitos a propósito. De non dicir a verdade. De prometer o ouro do mouro, que o mouro ten a bo recaudo. De prometer e non dar froito, tal que os anos bisestos.
A dicir verdade, a que vemos e palpamos tódolos días a gran maoría de cidadáns é a dunha desastrosa actuación política: paro sobre paro, subida de impostos, grandes privilexios, contratos laborais en precario e a capricho do contratante, abuso de poder, diñeiro en negro, fraude fiscal, corrupción, xustiza inxusta e inalcanzable, e máis leña á lumeira de San Xoán para acabar coas meigas.
E din dende o Goberno e dende a Gran Patronal –e nós pecadores non o vemos– que, “Vamos por el buen camino y sobre ruedas”. “España va bien”. “No hace falta salir a la calle para ver la alegría del pueblo”, esta última frase é unha xoia digna de enmarcar e levar ao museo das necidades (se non o hai, fágase xa) foi pronunciada pola Vicepresidenta do Goberno, señora Sáenz de Santamaría.
Certo, indiscutible, “mejoramos”, eles sen dúbida. “Por el buen camino”. Como non van ir, que lles falta? “España va bien”, e será que segue habendo dúas ou máis? A que nos coñecemos, a que se queixa tódolos días, “ NON”. E sobre a alegría do pobo, a señora Sáenz ou sofre miopía, algo que non lle desexo nin é para burla, ou é que ese día cando a gloriosa frase bebeu uns cubatas de máis ou fumou uns canutos.
Que lles importa o sufrir e a inseguridade do pobo, se eles e elas e tantos máis, son os novos patricios e seguen a ostentar coma aqueles da antiga Roma os seus privilexios de casta.
Melloraremos sen dúbida, cando un novo goberno, activo e intelixente que defenda unha política honesta e transparente, e unhas ideas sociais de benestar común que nos saquen deste inmerecido infortunio. Imos cansos de promesas, de frases de críos de parvulario, de argalladas políticas vergonzantes que nos levan a un camiño por onde só circulan dilixencias do s. XIX.
Os falaces argumentos que pretenden xustificar con esta política de inxustizas non leva a ningures, non dan resultado.
Cren ser infalibles, e igual que onte seguen a falar de “la herencia recibida”. E cal será a que eles nos deixen, á parte da maquiavélica maquinaria da reforma laboral roendo nas entrañas de tantos millóns de españois que precisan mellorar as súas condicións de vida e ser un pouco felices.
España está a sufrir unha gran crise económica e todos sabemos quen trouxo o virus, pero tamén unha crise política e de valores, e os gobernantes do noso sufrido país ás ordes indiscutibles da macabra Troika, da poderosa señora Merkel que tira pola brasa para a súa sardiña e dos omnipresentes todopoderosos BCE e FMI.
Como sabemos de moi boa tinta, a da realidade cotía, a da rúa, a da prensa e das emisoras de radio e TV, que non se venden, a dos articulistas honestos, a do señor Xosé María, xubilado e enfermo crónico que tivo que deixar de medicarse ou facelo a medias por non poder mercar as medicinas, a das colas das ONGs, e Cociñas Económicas, a dos estaleiros da ría de Ferrol que están a criar carriza, ratas, gaivotas e ferruxe, e tanto máis que precisaría o xornal enteiro.
Pretenderán quizais, con esta política de recortes transformarnos en monecos de papel! Pretenderán quizais, facer coma aquel xitano co burro para ver si se acostumaba a non comer? Quizais, eu non o creo, acolloarnos, facernos submisos, meter nunha gaiola a nosa dignidade? Non, aínda que haxa quen o pense e diga, eu non o creo.
O que si creo é que este goberno falla porque pisa demasiado o acelerador da soberbia e da prepotencia, amais na comunicación democrática co pobo, bontade política, un moito de intelixencia popular da que só se aprende na Universidade da Vida, da Rúa e do Traballo. Proben, non sexan obstinados…
Contra das adversidades, se loitamos e temos confianza no noso valer e valor persoal e colectivo, sempre haberá unha saída. Sempre.