A privatización do chalé de Canido será unha perda histórica

Vai para tres meses que a organización política LiGanDo-LGD da que son secretaria, presentou no concello de Ferrol unha Iniciativa para que se negociara a compra do Chalé de Canido e, unha vez recuperado, se adicara a un Museo Interactivo da Emigración. 
Só quero, desde este xornal livre, divulgar a nosa Iniciativa para coñecemento de todos.
A iniciativa di, de xeito resumido, así:
Malia o peso da emigración en Galiza e do grande número de galegos que actualmente residen no estranxeiro, somos das poucas comunidades con emigrantes que non posuimos un Museo da Emigración. E iso é máis grave nun governo que se orgulla de recuperar a memoria histórica.
Desde LiganDo defendemos que sexa Ferrol a sede dese Museo, ao estar as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal entre as de máis emigración. A proba deste pasado migratorio témola evidenciada na abondosa arquitectura indiana en vivendas particulares e nas numerosas escolas de emigrantes. Como exemplo significativo temos a Alianza Aresana, construída no ano 1904 por emigrados en Cuba e pioneira en toda Galiza.
A especial situación da cidade desde a instalación da base naval e dos estaleiros, cun monocultivo industrial xerado desde os intereses dunha política centralista e colonial, levounos a un constante fluxo migratorio. Fluxo de inmigración e emigración que lle dan á nosa historia, un carácter senlleiro.
Así, os franceses tiveron un papel importante en certas actividades comerciais como era a provisión de cereais. Os italianos e portugueses, a meirande parte do norte do país, da contorna de Braga, integravan os rexementos de terra e a Real Armada. A carreira de armas era a principal vía de chegada. A colonia británica, ainda que minoritaria, foi un caso singular de inmigración baixo contrata da Coroa na política de recuperación naval do Marqués da Ensenada. Mais a Coroa tería de intervir tambén nun caso de emigración bastante máis deshonroso como foi a primeira expedición de escravos galegos a La Habana a mediados do XIX nunha fragata construída nos estaleiros de A Graña, en Ferrol. Ilegalidade que só foi denunciada no Parlamento Español polo deputado coruñés Ramón de la Sagra, tan inxustamente esquecido.
Por outa banda, na povoación ferrolana sempre se deu grande mobilidade laboral acrescentada en tempos de guerra. Houvo unha emigración institucional, a dos intercambios de mandos e incluso traballadores especializados entre os distintos arsenais da Coroa. Os destinos eran dispares: Cádiz, Cartaxena, Rías Baixas, Franza, Gran Bretaña, Dinamarca, Portugal, Rusia, Arxel, Golfo de Guinea, Filipinas, China, Cuba, Porto Rico, Arxentina, Uruguai... Por suposto, era unha emigración ben distinta a dos destinos profesionais á política (exilio) e á emigración que, masivamente emprendía o povo empurrado pola miseria e a falla de oportunidades laborais.
Poucos triunfaron no país de destino mais ainda así, a solidariedade de moitos traballadores emigrados coa súa terra levou a mellorar a educación dos nenos galegos coa contrución de escolas, moitas delas laicas.
Entre os emigrantes que triunfaron economicamente está o controvertido Ramón Pla, marqués de Amboaxe ou Adriano de Fene. Outros como Fidel Vilasuso de Ortigueira ou Domingo Troche de Ares, organizaron ao colectivo emigrante creando sociedades para potenciar a cultura, a sanidade e o sindicalismo. Benito Cupeiro de Fene ou Fontenla Leal de Ferrol loitaron por unha cultura galega desde a emigración. Este último foi promotor desde a Habana, do Hino Galego e da Academia Galega.
Antonio Soto foi un ferrolán arriscado defensor dos traballadores da Patagonia, tentando dignificar a vida na emigración.
O exilio ou emigración política tralo golpe fascista do 36 podémolo personificar no tristemente esquecido intelectual ferrolán, Ernesto Guerra da Cal. Tambén en Leandro Pita Romero, ministro da República española e natural de Ortigueira. Ou en Lino Novás das Grañas do Sor, que representa ao emigrante desterrado dúas veces. E nas tantas  e tantos anónimos que un Museo da Emigración tería de recuperar para patrimonio cultural do povo.
Por outra banda, ás portas do século de vida, o Chalé de Canido, unha das obras máis importantes do arquitecto modernista Rodolfo Ucha segue a se deteriorar  no máis absoluto deleixo. Nengún governo municipal foi quen de negociar cos herdeiros a compra e rehabilitación. No entanto, das arcas municipais investíronse nada menos que 900.000 euros nun horrendo edificio novo para Centro Cívico. Coa adquisición do Chalé o concello non só protexería o seu patrimonio histórico nun bairro que, como os de Ferrol Vello e Esteiro se deixan perder, senón que contribuiría á memoria amais de gañar unha ampla zona verde en pleno centro da cidade, nada menos que 4000 metros cadrados.
Desde LiGanDo-LGD consideramos que o mellor xeito de conservalo sería adicalo a un Museo da Emigración Galega. Museo que partira do local ao comarcal e daí a toda Galiza. Do local coa memoria do propietario orixinario do Chalé, Juan Sixto Vázquez, aquel emigrante de O Seixo que fixo fortuna en Cuba, que traballou recollendo aos pasaxeiros dos trasatlánticos que non se podían achegar ao porto por falta de calado. Que dun bote inicial pasou a ter varios barcos de pesca ate que deu en artellar unha técnica para levar o peixe vivo a terra. Coa ganancia levantou os Grandes Almacenes de la Habana Fin de Siglo acumulando unha fortuna e construíndo este chalé non moi lonxe da casa natal de Fontenla Leal.
Solicitamos que o concello consiga esta propiedade para ben público, rehabilite este patrimonio e instale un Museo Interactivo da Emigración implicando á cidadanía na súa creación co aporte de ideias, fondos documentais...co asesoramento de técnicos e especialistas. Que se adique a a zona verde e o xardín exótico a lecer e relaxación. Que se aproveite o potencial turístico e educativo con proxectos sobre a historia da emigración na cidade e rutas turísticas a redor da arquitectura indiana así como unha ruta dos Galegos Escravos  recuperando parte da historia silenciada daquela expedición da fragata Villa de Neda que partira con galegos enganados para traballar de escravos nas plantacións de azucre de Cuba. Amosando así as dúas visións da emigración personificadas en Urbano Feijóo e Ramón de la Sagra. Que o museo sirva de arquivo documental para futuras investigacións sobre o tema ligandoo dixitalmente con todos aqueles museos desta temática como é o MEGA, o Museo da Emigración galega na Arxentina, que conta con máis de 6.500 activos históricos no seu arquivo e que supón unha proba evidente da nosa desmemoria.

A privatización do chalé de Canido será unha perda histórica

Te puede interesar