A sociedade está a abandonar a Igrexa

|

Podemos e debemos preguntar se o que está a pasar actualmente, cando a sociedade dalle as costa á Igrexa, é bo ou é malo. A primeira  vista parece que non é bo. Pero, despois de pensalo un pouco, posiblemente non sexa tan malo. Se nos preguntáramos por qué tantos miles e miles de persoas, consideradas ata non hai tanto tempo persoas relixiosas, están dende hai certo tempo deixando de ir á misa os domingos, quizás non encontraríamos unha resposta satisfactoria a nosa pregunta. Os que ata non hai moito viñan sendo cumpridores cos preceptos eclesiásticos foron deixando de acudir á Igrexa os domingos, non de repente senón pouco a pouco. E, por moito que busquemos, seguramente non encontraremos unha resposta satisfactoria como explicación. Ninguén o sabería dicir, porque o problema que ten a Igrexa para conservar a atención dos que un día foron os seus fieis non parece estar tanto na negación dos seus valores senón máis ben na marea de indiferenza relixiosa que asola a cultura occidental. A xente habituada dende a infancia que viña asistindo á misa os domingos e festivos, salvo algunhas excepcións, deixa de facelo sen que teñan unha razón determinada e concreta. Non saben, non contestan. Pasan. En todo caso algúns atrévense a dicir que a misa, así a secas, non lles di nada. E este fenómeno non é algo concreto, local, senón que é xeral. Está pasando en moitos países, polo menos do noso entorno. E na España ultracatólica ocorre o mesmo, incluso naquelas comunidades nas que o arraigo relixioso era mais firme, como pasa na provincia de Guipuzcoa, por poñer un exemplo significativo. Pero coma se fora unha moda a xente deixase ir. Porque a cousa ven de lonxe. A falta de previsión pódeselle achacar en parte aos bispos e ao Vaticano, teoricamente responsables das parroquias, comunidades, etc. Son os que dirixen e gobernan. Pero, as xerarquías católicas, ademais do seu mal exemplo en moito aspectos, non escoitaron as voces proféticas das comunidades e as de algúns bispos que reclamaban dende hai anos cambios imprescindibles na Igrexa. Así, non é sorprendente que algúns levanten as voces considerando a relixión, de un xeito xenérico, unha tradición carente de valor na era moderna, algo rotinario na vida. Sen negarlles toda a razón a estes, coido que a relixión, e Deus mesmo, fóronse da sociedade, pero non porque desapareceran senón porque os botamos fóra. Eran un estorbo. E deste modo quedan fora da conciencia primeiro e da sociedade despois. Eran algo así coma unha carga un estorbo para unha sociedade cansa de soportar. Algo así é como deberemos entender todo o que está pasando. Por iso diciamos ao comezo que non é tan malo que os fieis se aparten da Igrexa. A ver se de este modo os que gobernan a Igrexa espertan.

A sociedade está a abandonar a Igrexa