Xacemento do Cadoval (2)

colócolle o 2 ao título porque se non recordo mal o ano pasado dediqueille outra “mirada” a este Centro de Interpretación que temos preparado e paralizado en Mugardos. Dicían que no primeiro trimestre do ano 2017 a cousa estaría en marcha pero xa ven que aínda estamos como estabamos. Unha vez máis haberá que lle dar veracidade ao dito ese de que las cosas de palacio van despacio.
Porqué se decidiu facer este proxecto? Era recomendable gardar e expor as pezas recuperadas do xacemento de Cadoval nun sitio distinto ao da súa orixinaria localizaión? Hai quen opina que ese esforzo non pagou a pena. Con todo eu son dos que pensan que si, que é bo poñer en valor os vestixios do noso pasado, amosalos publicamente e de paso colocar a Mugardos no mapa dos municipios galegos que teñen algo máis que ofrecer que o polbo á mugardesa, que tamén.
O outro día levei ao meu amigo e colaborador neste xornal Rafael Permuy ata o reconstruído Xacemento do Cadoval e os dous coincidimos en que é unha mágoa velo así, pechado e semiabandonado. Os proxectos de certa embergadura que promove un goberno municipal case nunca son inaugurados por ese goberno tocándollle cortar a cinta ao que ven de seguido. Case sempre é así. Si é verdade que o actual goberno municipal de Mugardos non foi o promotor da iniciativa, non é menos certo que agora tócalle xestionar a súa posta en marcha: é unha herdanza recibida, e debemos saber que facer con ela. 
Xa se escoitan comentarios relativos a que aí o que se fixo foi enterrar moito diñeiro e ese investimento non é proporcional ás vantaxes que a súa apertura vai proporcionar. Sempre haberá opiniós para todos os gustos pero convén manifestar que algúns investimentos non teñen que ver cos parámetros que se empregan no mundo empresarial. Claro que esta praxes resulta dificil de asumir nos tempos que corren onde a plusvalía é a nai do cordeiro. No caso dun investimento como este do Cadoval a rendibilidade terá que se medir pola actividade que xenere o Centro e para iso haberá que promocionalo axeitadamente . Loxicamente necesitará persoal capacitado para explicar aos visitantes co que aí se atoparán e equipo de mantemento, e para iso é necasrio diñeiro. De onde vai sair? Pódese coller unha partida dos presupostos municipais? Non? Pois haberá que botar man da capacidade de xestión do actual goberno  para petar nas portas das Administracións co gallo de tratar de atopar unha solución de viavilidade. Pagará a pena calquera esforzo porque é unha verdadeira mágoa ver como esta instalación durme arestora un profundo soño do que é preciso espertar xa. Abofé.
 

Xacemento do Cadoval (2)

Te puede interesar