Sargadelos e a nazón de Breogán

Para o antropólogo Lévi-Strauss, o autor de Tristes trópicos (aínda os touroperadores non nos venderan as viaxes de noivos a Cancún), os mitos eran fundamentais para un pobo. Matinando nisto decateime de que Galiza, país de lendas, brétemas e líricas, non só non vive os mitos senón que cando atopa un espíchao e fai con el un colondrollo á grella. As voces que ecoaban da Corte meseteira mataron a trallazos aquel temesiño intento de Anxo Quintana de cantar o himno galego nas escolas. Nos xornais de Madrid falaban dun tal himno de Arturo Pondal que seica aguilloaba á violencia aos meniños... mentres eles andaban a argallarlle letra ao himno español. Eu que non son moi de himnos polo meu pacifismo, arrubezo ao comprobar que nas moreas de manifestacións que rematan cantádoo, haxa cada vez máis galegos que non pasan da primeira estrofa! Lembro que nun día da Patria Galega na Quintana, os propios nacionalistas traían unha estrela coa letra para que a xente se animara a cantalo. E o himno pondaliano é mítico onde os haxa! 
Alén diso, non hai moito que un erudito tentou de desartellar a lenda histórica do Mariscal Pardo de Cela. A dereita máis retro chegou a nos dicir que non debiamos louvar ao Mariscal porque era un sangue azul asoballador da plebe. Esquecendo que outros sangue azul galegos e casteláns non viron rolar as súas cabezas polas escadas de Mondoñedo nin as súas donas tiveron que ser entretidas na ponte do Pasatempo. 
Tamén a lenda do Medulio e a resistencia do pobo galego dándose morte a porfía para non ser escravos do Imperio invasor vén de ser deturpada. Seica para delongar o mito español do galego manso coma un boi e parvo coma un coello.
Que dicir do mito xunteiro de Rosalía e toda a interpretación edulcorada oficial que agocha a forza combativa dende o Rexurdimento?.
Esquecido tamén fica case que o derradeiro rei galego García, traizoado e morto no castelo de Luna. Darío Xohán Cabana, o autor de Morte de Rei e de O Cervo na torre, anda por certos blogs da rede alcumado pouco menos que como un axitador nas tullerías!. Coida a corte española que lelo en ensino medio adoutrina á mocidade. Non así o Cid Campeador, que campea ás súas anchas polos curriculums de todas as colonias de provincia e pasa por historia máis ca por mito.
A mitoloxía do ciclo artúrico só gorenta o celmoso padal dos eruditos. Roi Xordo e os Irmandiños ten algo máis de predicamento pola saída dun fermoso disco, cicais. E a lenda de Breogán, o caudillo do himno galego, e a torre de Hércules dende onde os galegos partimos á conquista da irmanciña dourada que pasou o mar, tivo algo máis de predicamento e viaxa cara á historia dende que nas universidades de alénmar descubriron as nosas pegadas xenéticas pola outra illa verdecente. 
Moitos estudosos din que os galegos somos máis líricos ca épicos. Será esa a causa do noso esquecenmento mítico? Será que cruzamos demasiadas veces o río do esquencemento? Será que a forza do noso amor si pode ser inútil, máis que nos pese e lle pesara a poeta do Caurel?. 
Non sei, certamente, mais o anunciado peche de Sargadelos, empresa galega mítica. Feitío galego en tantos emigrantes e visitantes, un fito na defensa da cultura galega aventúrame  que si, que seguimos a ser inútiles incluso como nacionalistas! 
Aquel vello laboratorio de Formas da man de Isaac Díaz Pardo, de Seoane e de tantos que ergueu na Galiza un facho de progreso na lingua e cultura propias a redor do mundo, criación dun raro marqués que arriscou a crear na nosa Terra ás avesas de todos...vaille dar o toque de gracia á desfeita galega. Tal grave é a nosa situación hoxe que paréceme que a solución política de Galiza  somentes mudaría se fixesemos o que artellou Saramago para a Península Ibérica en A balsa de pedra: deixar que a nosa Terra, coma a nao de Ith, navegue alénmar para atopar mellor porto fóra das mans luxadas que nos gobernan! Seica Navantia xa pode ir construíndo esa gran Nao! E poder ser, ao fin, unha auténtica nazón de Breogán autodeterminada!

Sargadelos e a nazón de Breogán

Te puede interesar