AO FINAL, PAGAMOS

Ten o seu punto de humor que o presidente da patronal pontevedresa asumise con total resignación que os galaicos teñamos que pagar polo uso das autovías. Ademais, o ilustre representante dos empresarios sentenciase que se acabou o gratis total, como se por estas terras do fin do mundo fósemos millonarios. Todo apunta a que ese home non sabe que aquí temos a pensión máis baixa do Reino, moi afastada de calquera outra comunidade, así que un galego pague o mesmo que un madrileño polo mesmo servizo é unha discriminación, sobre todo polo que supón de retroceso do consumo, a non ser que Alvariño traballe para o Estado ou para a India e non teña aquí clientes ningúns.

Tanto os populares, nos seus extensos mandatos, como no fugaz bipartito enchéronse de falar da vertebración do territorio, sen que os galaicos soubesen o que iso viña dicir

 

Ante a inminente suba das taxas de matriculacións nas universidades, os reitores aceitan o incremento, pero propoñen algo moi atinado: que se teña en conta o nivel de vida de por aquí. Se este territorio era xa de por el dunha riqueza paupérrima, o chamado estado de estar ben pasou por aquí sen que se soubese del, nin houbo tempo nin en que gastar os poucos aforros que se xuntaron. Mandar un fillo a estudar unha carreira xa vai ser un esforzo económico que pasará polo cribo dun imposto de luxo. Menos mal que para a maioría dos galaicos aínda está o sentimento atávico de ir servir ao Rei en calquera corpo que garanta un prato de comida e un acubillo. Os doutoramentos quedan para os españois de primeira.

Vai ser difícil explicarse aos habitantes da Costa da Morte que terán que pagar unha portaxe por transitar por unha vía que nin sequera está construída e que foi prometida, licitada e volta a adxudicar tantas veces e que acumula tanto atraso. Tanto os populares, nos seus extensos mandatos, como no fugaz bipartito enchéronse de falar da vertebración do territorio, sen que os galaicos soubesen moi ben o que iso viña dicir, pero aínda agora os políticos seguen inaugurando estradas, anos despois da chuvia de millóns chegados desde Bruxelas e tan dilapidados en paseos fluviais que houbo concellos que desviaron ríos para ter a súa pista sendeirista.

Os galaicos xa están afeitos a padecer todos os malos ventos que chegan da capital do Reino e como Sísifo manteñen a súa rutina, alleos a calquera calamidade. Se ten que ser así, que sexa… é o que nos queda. Ao final, pagaremos, pero polo menos que nos conten ben o engano. Quero que me convenzan de que as fochancas da estrada pola que transito habitualmente, algunhas das cales xa merecen o título de resto arqueolóxico, se deben a que os gobernos responsables do furado non teñen diñeiro para pagar a súa reparación. Vai ser complicado, porque moitas vías polas que gasto pneumáticos levan en estado calamitoso antes do asunto das hipotecas subprime por moito que lles pinten raias sobre as silvas e salgueiros que adornan as súas beiravías, ocultando os sinais de tránsito.

AO FINAL, PAGAMOS

Te puede interesar