Esquecer as cuestións estratéxicas

|

Mario Draghi, presidente do Banco Central Europeo, unha das institucións que determinan as liñas a seguir na Unión Europea, aparentemente dá unha de cal e outra de area. Daquela que, nunha recente visita a Lisboa, apuntase a necesidade de aumentar os salarios para impulsar a economía. Mentres que días despois afirmaba, a respecto dunha derrogación total ou parcial das reformas regresivas das pensións, no Estado español e Italia, que esta decisión podería colocar en risco o sistema. En realidade non hai contradición nestas valoracións, se temos en consideración a súa visión de clase. Diante dos atrancos do comercio internacional, o capital busca recuperar o consumo interno a través dun maior gasto da clase traballadora, evitando ao mesmo tempo un aumento do gasto social e da fiscalidade, para optimizar a taxa de beneficios empresariais. 
Neste novo guión, das clases dominantes na UE, hai que valorar o pacto negociado no Estado español entre patronal e CCOO e UGT, superando as diferencias insalvabeis que seica había antes da moción. Porén, o aumento salarial pactado a esta altura está cuestionado polo crecemento do IPC. 
Ademais, os acordos non afectan a aspectos tan importantes como a contratación temporal, a tempo parcial e de aprendizaxe, e a fraude dos falsos autónomos e do traballo colaborativo. E, sobre todo, non se recobra a ultra-actividade e a prevalencia dos convenios con condicións máis beneficiosas. Nestes aspectos, que son fundamentais estratexicamente para a clase traballadora, a patronal manifestou súa oposición. Algo lóxico, porque dan folgos ao sindicalismo máis combativo e a un cambio na correlación de forzas.
O PSOE e a oposición están abrindo múltiples frontes de debate. Semella, para alén das diferencias e dos obxectivos enfrontados, que existe un interese común en aparcar certos temas. 
Tendo importancia a cuestión do Val dos Caídos, a igualdade de permisos por nacemento de fillos/as, e a designación da dirección de RTVE, hai aspectos que pola súa relevancia non deberían ser relegados. Refírome concretamente a temas esenciais pola súa incidencia social e democrática, como: salarios e condicións laborais; as pensións; a dependencia e atención ao desemprego; unha reforma fiscal progresista; a eliminación da lexislación represiva; a problemática territorial e lingüística, asumir o Estado plurinacional e confederal; saír da OTAN, do euro e discutir a pertenza á UE. Non son cuestións que se podan obviar nun intre no que o sistema está esgotado.

Esquecer as cuestións estratéxicas